Román Rodríguez salienta que empresas como Toupiña acreditan que se pode innovar tamén desde o rural

O conselleiro de Ciencia visita a firma lalinense, que está a investigar novos ingredientes a partir da biomasa de castiñeiro para aplicacións alimentarias

Benefíciase dunha axuda de Nexos, o programa a través do que Xunta impulsa 37 proxectos da I+G+i galega, de 138 empresas e cun orzamento de 22,6 M€

Lalín (Pontevedra), 31 de marzo de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou hoxe en Lalín a empresa Toupiña, beneficiaria do programa Nexos, unha iniciativa da Xunta de Galicia destinada a impulsar proxectos de I+D+i en colaboración con empresas.

O titular de Ciencia, que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo,  puxo a esta firma como exemplo do potencial innovador do tecido empresarial galego e destacou que programas como Nexos “permiten establecer sinerxías e colaboracións entre empresas e contar co apoio de centros de coñecemento, facilitando que a investigación se traduza en solucións aplicables e con impacto directo na sociedade”. Neste sentido, incidiu en que a cooperación público-privada “é clave para avanzar cara a un modelo máis competitivo e baseado no coñecemento”. Así mesmo, subliñou o papel da empresa na extensión da innovación por todo o territorio galego, incluído o ámbito rural, contribuíndo a un desenvolvemento máis equilibrado e sostible.

O programa Nexos do Goberno autonómico está dotado con 22,6 millóns de euros para o período 2026-2028 e apoia o desenvolvemento de 37 proxectos nos que participan 138 empresas en ámbitos estratéxicos para Galicia. Segundo explicou o conselleiro durante a visita, “este investimento permitirá mobilizar preto de 40 millóns euros, reforzando o ecosistema galego de innovación e a capacidade científico das nosas empresas”. Poténciase así a I+G+i, a ciencia e a innovación feitas na nosa Comunidade, como marca Galicia Calidade.

Descrición do proxecto

No caso concreto de Toupiña, a compañía participa no proxecto SIMBIOGAL, que conta cunha achega de case 350.000 euros ao abeiro deste programa da Xunta. Esta iniciativa céntrase na investigación de novos ingredientes bioactivos, como prebióticos e simbióticos, a partir da biomasa de castiñeiro, orientados a aplicacións alimentarias innovadoras. A través destes compostos, trabállase no deseño e validación de produtos funcionais como salsa de tomate negro, marmelada de arando azul ou bebidas tipo kombucha, garantindo as súas propiedades nutricionais, sensoriais e microbiolóxicas.

Este proxecto desenvólvese en colaboración con outras entidades e empresas, en concreto, con Boibel Forestal, Infonova Soluciones Tecnológicas e a Universidade da Coruña, a través do grupo Biobased Products. Kalinka Lagazos, como líder do consorcio, achega a súa experiencia e capacidade técnica, apostando por liñas de investigación centradas no desenvolvemento de alimentos e bebidas saudables e sostibles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/03/2026