A AC-012 na Coruña reabrirá ao tráfico esta medianoite, ao acometerse a demolición do viaduto
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, supervisou as obras, que progresaron con maior axilidade do previsto
Destacou que se demoleron 4.000 toneladas que se acopiarán provisionalmente, para logo reutilizar este material como recheo dos viarios
Agradeceu o intenso labor dos profesionais que traballaron durante as 24 horas para axilizar ao máximo as obras e reducir as molestias á cidadanía
Nos vindeiros días continuarán os traballos de demolición nos vanos restantes, xa sen afección para o tráfico na avenida da Pasaxe
A Coruña, 1 de abril de 2026
A AC-012 na Coruña reabrirá ao tráfico esta medianoite, tras acometerse estes días a demolición do viaduto. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, e o xerente da Área Sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, supervisou hoxe as actuacións realizadas na zona, que obrigaron ao peche da circulación.
Allegue explicou que as actuacións avanzaron con máis axilidade do previsto, tendo xa completada a demolición da parte do viaduto programada para esta semana.
Seguindo a planificación, a operación de derrubamento inciouse o luns coa demolición de parte dos segmentos do viaduto situados nos bordos da AC-012, concentrando as actuacións máis complexas esta semana, o que posibitará a reapertura do tráfico.
Cómpre destacar que se demoleron aproximadamente 4.000 toneladas que se acopiarán provisionalmente, para logo reutilizar este material como recheo dos viarios da propia obra.
A conselleira agradeceu o intenso labor dos profesionais que estiveron a traballar estes días, durante as 24 horas, para axilizar ao máximo as obras e reducir as molestias á cidadanía e as afeccións ao tráfico.
Cómpre lembrar que unha vez acometidos os traballos no tramo 2 (vanos 6,7,8), que é o máis longo e singular do proceso, a programación das obras seguirá nos próximos días, co derrubo dos vanos restantes (1,2,3,4), executándose xa sen afección para o tráfico na avenida da Pasaxe.
En canto se remate a demolición do resto de estrutura, prevista ao longo das vindeiras semanas, avanzarase coa execución do novo viaduto.