A Xunta licita por case 100.000 € os traballos de actualización dos datos de distribución e abundancia de tres especies de aves en diferentes zonas de Galicia

O contrato, dividido en dous lotes e con vixencia ata o 31 de outubro do ano 2027, centrarase no estudo e seguimento do paspallás, o pombo e a rula

Revisarase a súa localización e tamaño empregando métodos básicos de observación, seguimento e cuantificación para avaliar a tendencia das poboacións destas especies

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2026

A Xunta de Galicia acaba de licitar por un importe de 98.539,09 euros, IVE incluído, o servizo para actualizar a información relativa á distribución e abundancia na Comunidade de tres especies de aves —paspallás, pombo e rula— durante os anos 2026 e 2027. O contrato divídese en dous lotes para adaptarse ao reparto xeográfico das especies mencionadas e está previsto que os traballos se desenvolvan desde o momento da adxudicación ata o 31 de outubro de 2027.

En concreto, o obxecto do lote 1 será actualizar os datos relativos ás poboacións reprodutoras de paspallás, pombos e rulas presentes na comarca ourensá da Limia e, máis concretamente, nos concellos de Rairiz de Veiga, Vilar de Santos, Sandiás, Vilar de Barrio, Sarreaus, Xinzo de Limia, Trasmiras, Porqueira e Xunqueira de Ambía. O orzamento total deste lote (IVE incluído) ascende a 51.412,12 euros.

En canto ao lote número 2, corresponderase coa análise da distribución dos exemplares reprodutores de rula no conxunto da Comunidade, agás na Limia, que xa está incluída no outro lote. Neste caso, o orzamento total (IVE incluído) ascende a 47.126,97 euros.

O obxecto principal deste servizo (cofinanciado nun 60% con fondos europeos do Programa Feder Galicia 2021-2027 e con prazo aberto para a presentación de ofertas ata o próximo 16 de abril) consistirá no desenvolvemento dos traballos necesarios para actualizar a información dispoñible relativa á distribución e á abundancia en Galicia destas especies, revisando a súa localización e tamaño, empregando métodos básicos de observación, seguimento e cuantificación dos exemplares, o que permitirá avaliar a tendencia das poboacións dos tres taxóns.

Cómpre subliñar que esta licitación se enmarca nos obxectivos da Directiva europea relativa á conservación das aves silvestres. Ademais, a información obtida é necesaria para o cumprimento dos fins atribuídos á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, que inclúen o desenvolvemento de medidas e instrumentos de seguimento, protección, control e conservación dos elementos que compoñen a biodiversidade galega.

Data de actualización: 05/04/2026