A Xunta reitera que o programa de auxiliares de conversa “corre cada vez máis perigo” en Galicia tras unha multa de case 25 M€ a Valencia e Andalucía
Título da nova
A Consellería denuncia no Parlamento a irresponsabilidade dos ministerios de Educación e de Traballo por poñer en perigo esta iniciativa de éxito nas aulas galegas e lamenta que fagan “oídos xordos” ás reiteradas advertencias da Xunta
Advirte de que xa “non daría tempo a comezalo con normalidade o próximo curso, aínda que se puxeran de acordo”, ao non estar convocado a estas alturas
Galicia leva 15 anos cumprindo coas condicións impostas desde o Estado, malia que é a Xunta a que financia o 90% do custo do programa que contribuíu a situar os estudantes galegos co maior nivel de inglés de España, segundo o informe EF
Santiago de Compostela, 1 de abril de 2026
O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, reitera a advertencia de que a continuidade do programa de auxiliares de conversa “corre cada vez máis perigo” en Galicia, máis aínda logo de que o Ministerio de Traballo veña de impoñer multas de case 25 M€ á Comunidade Valenciana e a Andalucía.
Na súa intervención ante a Comisión 4ª do Parlamento de Galicia, o representante do departamento de Educación do Goberno autonómico lamentou que o Executivo do Estado faga “oídos xordos” ás reiteradas advertencias feitas desde a Xunta por carta e en conversas persoais ás ministras de Educación e de Traballo, ás que se lles demanda unha solución que dea seguridade xurídica para desenvolver este programa de éxito que leva funcionando con normalidade nas aulas galegas desde hai 15 anos.
“O Ministerio de Yolanda Díaz nin se digna a contestar, mentres que Educación tan só expresa boas palabras, pero na práctica non fai absolutamente nada por arranxar unha situación que nos deixa indefensos”, explicou Manuel Vila. De feito, a día de hoxe o Ministerio de Educación nin sequera ten convocado o programa para o próximo curso, polo que, por prazos, “xa non daría tempo a comezalo con normalidade, nin aínda que por fin se puxeran de acordo as dúas partes do goberno”, abondou.
Cómpre lembrar que esta situación deriva de que o Ministerio de Traballo está a realizar inspeccións arbitrarias ás comunidades autónomas que levan aparelladas sancións millonarias por esixir aos auxiliares de conversa un contrato laboral no réxime da Seguridade Social, cando están definidos polo Ministerio de Educación como persoas que participan nun intercambio cultural.
Así pois, se o Goberno do Estado non artella unha solución avalada xuridicamente, aboca a Galicia a prescindir “deste programa estratéxico” cuxos resultados se reflicten en indicadores como que os alumnos galegos presentan o maior nivel de coñecemento de inglés do consulto de España, segundo o Informe EF.
Ademais de “abrir portas académicas e profesionais para a nosa mocidade”, o secretario xeral técnico salientou que esta iniciativa garante a equidade territorial, así como a igualdade de oportunidades dos alumnos “sen importar onde viven ou o seu nivel de renda”. Non en balde, Galicia é unha das comunidades autónomas con maior número de auxiliares, presentes en 791 centros educativos de 238 concellos (máis do 70%).
O programa de auxiliares de conversa está deseñado polo Ministerio de Educación, que é quen marca os requisitos, mentres que o Goberno galego cumpre coas condicións impostas desde o Estado e, ademais, faise cargo da maior parte do custo do mesmo asumindo o 90% do seu financiamento. As persoas que participan neste programa non teñen a condición de traballadores do Réxime Xeral da Seguridade Social, que agora está a esixir a Inspección de Traballo. Non obstante, contan con todas as coberturas, cun seguro médico, así como cun ingreso en concepto de axuda para gastos de aloxamento e manutención que sufraga a propia Xunta (4,8 M€ dos 5,2 M€ totais).
Listas de substitución
Por outra parte, tamén interveu na Comisión 4ª o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, que, ante unha pregunta sobre a cobertura de listas de substitución de determinadas especialidades docentes, defendeu que a Xunta está actuando “coa maior planificación posible e con flexibilidade e axilidade” co fin de garantir o servizo educativo e “responder en tempo real ás necesidades do sistema” nestes casos puntuais. De feito, a día de hoxe a docencia de determinadas materias como Latín e Grego nalgún centro xa se solucionou e está a funcionar con normalidade.
Non obstante, Jesús Álvarez descartou que se estea a dar un problema xeral de cobertura de postos educativos en Galicia, senón que se trata de “dificultades focalizadas en determinadas especialidades con moi baixa dispoñibilidade de profesionais” que está ocorrendo en todo o territorio estatal. Ante esta situación, a Consellería de Educación activa múltiples procedementos de apertura de listaxes e, precisamente, para aqueles determinados casos de especial dificultade de cobertura, adoptouse unha medida de flexibilización eliminando puntualmente o requisito de ter cursado o máster do profesorado para acceder a estes postos. Reiterou que se trata de medidas concretas e específicas para dar respostas a casuísticas moi específicas.
Así mesmo, o director xeral de Centros e Recursos Humanos puxo en valor a vontade da Administración educativa galega de acadar acordos dialogados coas organizacións sindicais que benefician ao conxunto do sistema educativo, malia os atrancos dalgún deles, como é o caso da CIG-Ensino “que en 15 anos non foi capaz de asinar nin un só acordo de mellora con esta Consellería”. Precisamente, froito deste diálogo vense de asinar un acordo con CCOO, ANPE, UGT e CSIF no que se elimina a obriga de que os interinos se presenten ás oposicións para manter a posición nas listaxes, e se moderniza o sistema de chamamentos telefónicos por un procedemento a través dunha aplicación informática, que garante maior transparencia, evita erros e permite cubrir as baixas de maneira máis rápida e eficiente.
Paralelamente, este ano ofértanse 1.601 prazas de novo ingreso, o que implica que Galicia mantén unha taxa de interinidade por debaixo do 5% fronte ao 27% do Estado. “Todo isto evidencia o compromiso real coa estabilización e o recoñecemento do profesorado a través do acordo e do diálogo”, salientou Jesús Álvarez.