María José Gómez salienta o bo facer dos produtores amparados baixo a DOP San Simón da Costa

A conselleira do Medio Rural participou hoxe en Vilalba na inauguración da festa dedicada a este produto, que acada xa a súa trixésima edición

Vilalba (Lugo), 4 de abril de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou hoxe na inauguración da Festa do Queixo de San Simón da Costa, que se celebra dende hai tres décadas na localidade lucense de Vilalba. Gómez asegurou que este produto “é o reflexo do traballo e coidado dos nosos gandeiros e queixeiros”, que aportan “dedicación” e “mimo” en cada paso do proceso.

Destacou ademais o valor engadido que aporta a Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa, que garante que cada peza de queixo cumpre cos máis altos estándares de calidade. Cabe sinalar que, segundo os últimos datos dispoñibles, correspondentes ao 2025, esta DOP conta con 386 gandeiros e nove queixerías inscritas, cuxa produción certificada supera os 560.000 quilogramos e acada un valor económico estimado de cinco millóns de euros.

María José Gómez puxo en valor tamén a contribución deste evento á dinamización dunha contorna rural como Vilalba, tanto no eido económico, ao favorecer a comercialización de produtos de calidade diferenciada que se mercan directamente aos produtores; como no ámbito social, constituíndose como un punto de encontro para a veciñanza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/04/2026