A Xunta salienta en Vigo o seu apoio aos centros comerciais abertos a prol da súa profesionalización e da dinamización do comercio local

Vigo, 1 de abril de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou na presentación da campaña do Calvario CCA denominada Adiviña o que no Calvario podes mercar e visitou algúns establecementos colaboradores. Neste contexto puxo de relevo a capacidade dos centros comerciais abertos de dinamizar as contornas nas que se integran. Ademais, destacou os apoios autonómicos a estas entidades cos que o Goberno galego busca reforzar a súa excelencia e profesionalización. Á edición de axudas deste ano —da que pechou recentemente o prazo de solicitudes— a Xunta destinou un orzamento de 2,5 M€.

Entre as novidades introducidas salientou os criterios de valoración que se enfocan na formación dos comerciantes, na fidelización da clientela e na capacidade de atraer novos establecementos asociados. Tamén se inclúen novas actuacións subvencionables, como os servizos de ludoteca e espazos de lecer infantís. Estas achegas, explicou Alén, enmárcanse no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 e con elas apóianse actividades de dinamización comercial que teñan como obxectivo incentivar o consumo e atraer clientes, co fin de incrementar as vendas. Ademais, lembrou, as asociacións con máis puntuación poderán optar a axudas extraordinarias de ata 20.000 euros para a realización de actividades complementarias, coordinadas con concellos e outras entidades locais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/04/2026