A Xunta apoia a segunda edición do evento educativo ‘Medrando Xuntas’, que se celebra este sábado en Lugo

A xornada, orientada a familias e profesionais da educación, contará coa participación dos expertos en crianza Neus Moya, Sara Noguera, Carlos González e Alberto Soler

Lugo, 6 de abril de 2026

A Xunta apoia a segunda edición da xornada educativa ‘Medrando Xuntas’, organizada pola escola de inglés Kids&Us da cidade e que se celebrará o próximo sábado, 11 de abril, no auditorio da Facultade de Veterinaria.

O delegado territorial, Javier Arias, e a directora da academia, Marta Corral, presentaron esta mañá o evento, que reunirá novamente a recoñecidos expertos nos ámbitos da educación, a crianza e o desenvolvemento infantil.

Así, a segunda edición de ‘Medrando Xuntas’ contará coa participación de Carlos González, pediatra e autor de referencia en crianza, alimentación e saúde infantil; Neus Moya, podóloga e divulgadora en saúde do pé e calzado consciente; Alberto Soler, psicólogo especializado en familia; e Sara Noguera, mestra infantil especialista en crianza respectuosa, contoterapia e musicoterapia, que xa interveu na xornada do ano pasado.

Os catro profesionais ofrecerán relatorios dirixidos a achegar ferramentas prácticas, fomentar a reflexión e xerar comunidade entre familias, docentes e profesionais vinculados á infancia. O programa estruturarase en dous bloques: un de mañá, de 9,00 a 12,45 horas, e outro de tarde,  de 14,45 a 18,30 horas.

Os organizadores decidiron dar continuidade a este evento despois do éxito da primeira edición, “que demostrou que en Lugo existe un interese real por este tipo de propostas, con familias que non só teñen inquietudes, senón tamén ganas de buscar información de calidade e espazos onde sentirse acompañadas”.

Javier Arias animou ás familias, así como a docentes e profesionais vinculados á infancia na provincia, a participar neste “encontro enriquecedor, que supón unha oportunidade para aprender, compartir e medrar xuntos”. Valorou ademais a relevancia de promover espazos coma este, que fomentan unha crianza respectuosa e unha educación consciente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/04/2026