Rueda anuncia a posta en marcha dun programa específico para reducir o abandono escolar centrado en varóns e na poboación inmigrante

A través do programa Cualifica Talento crearanse equipos de orientación especializados nas sete grandes áreas urbanas, que concentran o 32% da poboación obxectivo desta iniciativa coa que se prevé chegar o vindeiro curso a 2.000 persoas

Identificaranse as persoas que se poidan beneficiar e fomentarase que se matriculen en diferentes opcións formativas, desde a FP Acelerada ás ensinanzas para adultos

No que atinxe ás persoas estranxeiras, procurarase a adquisición das linguas cooficiais de Galicia a través, fundamentalmente, das escolas de idiomas

Elaborarase unha guía que facilite a actuación dos equipos de orientación e favorecerase a acreditación das competencias adquiridas pola experiencia laboral

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a posta en marcha dun programa específico para reducir o abandono escolar centrado en varóns e na poboación inmigrante sen educación secundaria de segunda etapa, é dicir, que non contan con títulos superiores ao de ESO. O responsable do Executivo autonómico apuntou que a redución do abandono escolar é un “importantísimo asunto de carácter estrutural no que a Xunta está embarcada hai tempo”.

Aínda que indicou que “imos polo bo camiño”, lembrando que Galicia pechou 2025 cunha taxa do 10,4%, case tres puntos por debaixo da media estatal, sinalou que “non podemos conformarnos nin moito menos”. Así, lembrou que a taxa de abandono educativo temperán é case o dobre nos homes (13,5%) ca nas mulleres (7,2%), polo que o Goberno galego está a intensificar as medidas especiais sobre eles.

Neste sentido, e tal e como informou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, crearanse equipos de orientación especializados asociados ás sete grandes áreas urbanas para desenvolver o programa Cualifica Talento, a través do cal se quere reducir o abandono educativo entre os mozos de 18 a 24 anos. O obxectivo é continuar minorando esta taxa con novas vías como a FP Acelerada e os itinerarios formativos ao longo da vida que lles permitan acadar unha cualificación e mellorar o seu futuro.

Román Rodríguez fixo fincapé en que “para a Xunta de Galicia o abandono non é un dato, non é só unha porcentaxe de persoas que non teñen un título”. Así, resaltou, “nós entendemos que reducir o abandono  é fundamentalmente  xerar oportunidades para as persoas, desenvolver talento e en definitiva ser capaces de ter recursos humanos máis cualificados, máis preparados, e que lle poidan facer fronte aos retos que temos por diante na Galicia Calidade que todos desexamos”.

Así as cousas, estímase que Cualifica Talento terá un alcance aproximado de 10.000 persoas, fundamentalmente homes e poboación inmigrante. Xa no vindeiro curso agárdase chegar a 2.000 delas, segundo se recolle no informe sobre esta iniciativa analizado hoxe no Consello da Xunta.

Identificar a poboación albo

As sete grandes cidades de Galicia concentran o 32% da poboación albo. Por iso, a Xunta creará equipos de orientación especializados asociados as estas áreas urbanas, que identificarán os posibles beneficiarios, proporcionaranlles información e asesoramento e fomentarán a súa reincorporación ao sistema educativo.

Estes equipos estarán formados por persoal especializado, é dicir, orientadores e profesorado de formación e orientación laboral. Contarán, ademais, con ferramentas actualizadas que incorporan novas tecnoloxías coma OPI Orienta, a ferramenta de intelixencia artificial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP con toda a información da oferta e itinerarios formativos.

Opcións formativas adaptadas

Unha vez analizadas as circunstancias de cada persoa, proporanse as opcións formativas máis axeitadas. Así, no caso das persoas sen título de Educación Secundaria Obrigatoria procurarase que se matriculen ben en FP Básica Acelerada ou en Educación Secundaria para persoas adultas semipresencial. No caso das persoas con título de ESO, ofreceráselles a FP Acelarada de grao medio e o Bacharelato de adultos semipresencial. En ambos os casos, a formación desenvolverase a partir de setembro de 2026.

A estas posibilidades engadiranse actuacións específicas para alumnado inmigrante, promovendo a súa incorporación a formacións de castelán e galego para persoas estranxeiras, tanto nas escolas oficiais de idiomas como nos centros públicos de educación e promoción de adultos

A maiores, promoverase a incorporación destas persoas a procedementos de acreditación de competencias dirixido especificamente a persoas en situación de abandono escolar que conten con experiencia laboral ou formación non formal.

Co fin de estandarizar todo este proceso, desenvolverase unha guía de actuación que servirá de base para o traballo e a coordinación dos equipos encargados, así como para futuras actuacións en orientación profesional personalizada. Establecerá, así mesmo, as liñas de traballo que se desenvolverán para a cualificación da poboación sen titulación acreditada.

Aposta pola orientación profesional

O novo programa Cualifica Talento enmárcase no Plan FPGal 360 de orientación profesional integral, que ten entre os seus obxectivos prioritarios facilitar a titulación da poboación moza sen cualificación como parte da Estratexia de formación profesional Galicia 2030. A Xunta conta tamén co Programa de acollida e apoio educativo ao alumnado estranxeiro, unha das liñas de traballo do Plan MEGA de mellora educativa de Galicia, que aposta polo apoio académico e profesional ás persoas inmigrantes. Trátase de medidas ás que se quere dar un novo impulso co novo decreto de ordenación da FP.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/04/2026