A Xunta impulsa a internacionalización empresarial con 9 millóns en axudas Galicia Exporta Empresas
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou a empresa Detegasa, que recibiu unha achega de case 95.000 euros nas dúas últimas convocatorias
Narón (A Coruña), 7 de abril de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe a empresa Detegasa con motivo da nova convocatoria das axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas), que contan este ano cun orzamento de 9 M de euros.
Esta convocatoria, cofinanciada pola Unión Europea dentro do programa Galicia Feder 2021-2027, enmárcase no Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030, que establece como prioridade a internacionalización da economía galega. Con isto, o obxectivo destas axudas é apoiar e incentivar accións de promoción exterior que melloren a competitividade das empresas galegas e reforcen a súa presencia nos mercados internacionais.
As subvencións contemplan tres tipos de accións: promoción internacional (participación en feiras e misión comerciais); competitividade internacional (iniciativas orientadas a reforzar o posicionamento e a capacidade das empresas no exterior); e a internacionalización dixital e e-comerce (proxectos destinados a impulsar a internacionalización a través da incorporación de tecnoloxías dixitais e solucións innovadoras, incluído o comercio electrónico). A contía da axuda será do 70% dos custos directos subvencionables e, ademais, engádese a subvención dos custos indirectos do proxecto, correspondente a un tipo fixo de 7% sobre os custos directos. O importe máximo subvencionable será de 50.000 euros no caso das acción de internacionalización dixital e e-comerce e de 100.000 euros nos demais casos. Por outra banda, o gasto mínimo subvencionable será de 3.500 euros (IVE excluído) sen contar os custos indirectos.
Aneiros destacou durante a visita que esta empresa, adicada a solucións integrais para as industrias marítima, offshore e naval, recibiu unha achega de case 95.000 euros nas dúas últimas convocatoria destinadas á participación en feiras nacionais e internacionais. A convocatoria de 2025 deixou máis de 137.000 euros en subvencións no ámbito da delegación. Aproveitou tamén para recordar que a convocatoria actual mantén aberto o prazo de solicitudes ata o 30 de setembro ou ata esgotamento de crédito.