A Xunta conmemora os Días europeos da Artesanía coa Asociación de Artesáns de Ourense
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta tarde os obradoiros de iniciación ao coiro e á cerámica impulsados por esta entidade co apoio da Xunta
Ata o domingo 12 a Asociación de Artesáns de Ourense ten programadas outras once actividades para achegarlle ao público oficios como a restauración, a bixutería, a olería, a xoiería ou o vidro, impartidas por artesáns inscritos en Artesanía de Galicia
Ourense, 7 de abril de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, achegouse esta tarde ás actividades programadas pola Asociación de Artesáns de Ourense (ADAO) con motivo da celebración dos Días Europeos da Artesanía 2026, que contan co apoio da Fundación Artesanía de Galicia. Concretamente, Alén visitou no local desta asociación da rúa Colón o obradoiro de coiro sustentable, impartido por Luciérnaga coiro, e un obradoiro de cerámica a cargo de Mario López, titulado Kurinuki, moito máis ca un cunco.
Cómpre sinalar que no marco desta mesma iniciativa, ata o próximo domingo 12 de abril ADAO ten previstas outras once actividades gratuítas dirixidas a achegarlle ao público diferentes oficios artesanais como a restauración, a bixutería, a olería, a xoiería ou o vidro, impartidas por titulares de obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia
Con motivo dos Días Europeos da Artesanía 2026, a Fundación Artesanía de Galicia apoia estes días 20 iniciativas que suman máis de 100 actividades nas catro provincias, con demostracións de oficios, obradoiros de iniciación e xornadas de portas abertas, entre outras, promovidas por obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia, asociacións e centros de divulgación. O obxectivo desta conmemoración que se desenvolve cada ano en diferentes países é divulgar os oficios artesanais e amosar a súa enorme riqueza e singularidade.