Medio Rural salienta o seu apoio ao sector vitivinícola con axudas de arredor de 12 millóns de euros anuais
María José Gómez visitou hoxe as instalacións de Bodegas Roandi, onde lembrou que segue aberto ata o 27 de abril o prazo de solicitude das axudas á reestruturación e reconversión de viñedo, dotadas cun orzamento de 4 millóns de euros
Destacou tamén a importancia das achegas do programa Leader, das cales foi beneficiaria esta adega para mellorar as súas instalacións, as cales teñen este ano a maior convocatoria da historia cun investimento de 28,7 millóns de euros
O Barco de Valdeorras (Ourense), 9 de abril de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, salientou hoxe o apoio do Goberno galego ao sector vitivinícola con axudas de arredor de 12 millóns de euros anuais. Fíxoo na súa visita ás instalacións de Bodegas Roandi no Barco de Valdeorras.
En concreto, lembrou que está aberto ata o 27 de abril o prazo de solicitude das axudas á reestruturación e reconversión de viñedo, dotadas na convocatoria deste ano cun orzamento de 4 millóns de euros. A conselleira explicou que con estas achegas se busca incrementar a competitividade das explotacións vitícolas, adaptar o cultivo de viñedo ao cambio climático e facelo ambientalmente máis sustentable.
Neste sentido, destacou que desde o 2018, o Goberno galego destinou máis de 20 millóns de euros a estes apoios para beneficiar a máis de 1.200 viticultores e facilitar que se levasen a cabo actuacións en algo máis de 1.700 hectáreas.
A maiores, a conselleira reafirmou a aposta decidida do Goberno galego polo viño galego mediante un apoio transversal que se reflicte noutras medidas vinculadas á comercialización, promoción ou respaldo aos consellos reguladores. Así, quixo agradecer o compromiso e profesionalidade dos viticultores e adegueiros que desenvolven o seu traballo neste eido produtivo.
Ademais, Gómez puido comprobar en primeira persoa as melloras enfocadas ao enoturismo levadas a cabo nesta adega, ao abeiro das axudas do programa Leader das que foi beneficiaria. Esta medida ten unha repercusión moi positiva sobre o tecido socioeconómico das zonas rurais, xa que contribúe a mellorar as condicións para crear e manter emprego e dinamiza estas contornas.
Seguindo esta liña, destacou que este ano fíxose a maior convocatoria da historia destas achegas en Galicia, con 28,7 millóns de euros a distribuír entre o período 2026-2028. É unha convocatoria trianual, o que supón unha importante vantaxe para os promotores dos proxectos, que poderán desenvolver a súa iniciativa cunha maior marxe temporal.
Bodegas Roandi
Sobre Bodegas Roandi, a conselleira destacou o papel pioneiro desta adega da Denominación de Orixe Valdeorras na produción de espumosos na nosa comunidade, co seu Brinde, e son responsables do primeiro espumoso rosado galego. Ademais, recibiu diferentes recoñecementos, tanto nas catas oficiais de viños de Galicia, que organiza a Consellería, como en prestixiosas guías. Tamén aposta polo enoturismo como medio para diversificar o seu ámbito de negocio.