María José Gómez destaca o pulo do selo Artesanía Alimentaria con 146 empresas inscritas e 266 produtores

A conselleira do Medio Rural visitou na Pobra do Brollón a panadería Herbella, que conta con este distintivo de calidade diferenciada

Salientou que actualmente están vixentes un total de 27 normas técnicas que recollen os requisitos que debe respectar un determinado produto para ser considerado artesán, entre elas a do pan e a dos produtos de pastelaría e confeitaría

Sinalou que este selo é moi recoñecido polas empresas inscritas, xa que constitúe unha importante vantaxe competitiva e contribúe a mitigar a competencia desleal daquelas producións a gran escala que publicitan como artesán algo que non o é

A Pobra do Brollón (Lugo), 9 de abril de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe que xa existen en Galicia 146 empresas inscritas no selo de Artesanía Alimentaria e 266 persoas teñen recoñecida a súa condición de artesás. Foi durante a súa visita á panadaría Herbella, situada na Pobra do Brollón e que produce diferentes preparacións amparadas por esta certificación de calidade diferenciada, un acto no que estivo acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte.

A conselleira subliñou ademais que actualmente están vixentes un total de 27 normas técnicas que recollen os requisitos que debe respectar un determinado produto para ser considerado artesán. Entre elas figuran as do pan e tamén as dos produtos de confeitaría, pastelaría, bolaría, repostería e empanadas.

Neste contexto, Gómez salientou que o de Artesanía Alimentaria é un distintivo moi valorado e recoñecido polas empresas inscritas, xa que constitúe unha importante vantaxe competitiva e, ademais, contribúe a mitigar a competencia desleal daquelas producións a gran escala que publicitan como artesán algo que non o é.

Asemade, a conselleira puxo en valor o feito de que as producións amparadas están estreitamente vencelladas ás contornas locais, impulsando a súa economía ao empregar materias primas características de cada territorio para elaborar os alimentos. En consecuencia favorécese a fixación de poboación e a creación de emprego, contribuíndo así a crear e soster un rural “vivo, rendible e sustentable”, engadiu.

Impulso decidido ao selo

Todas estas razóns levaron á Xunta a poñer en marcha xa no 2020 o selo de Artesanía Alimentaria, que se comprometeu a seguir impulsando “de xeito decidido”. Así mesmo, mencionou tamén a certificación ecolóxica e as 36 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas que amparan elaboracións galegas de calidade certificada e que converten á nosa comunidade na terceira dentro de España con máis selos deste tipo.

Por iso, unha das demandas ao Ministerio de Agricultura, por parte da Consellería, é que defenda a incorporación de máis indicativos de calidade galegos dentro dos protexidos no tratado UE-Mercosur. Trátase de impulsar a potencialidade alimentaria e gastronómica do noso territorio, unha prioridade para o Goberno galego, aseverou.

Neste marco, a titular de Medio Rural situou iniciativas do seu departamento como o Plan Saborea Calidade Diferenciada de Galicia, centrado na promoción destes produtos e dotado este ano cun orzamento de 10 millóns de euros, dous máis que no 2025. E lembrou que, precisamente ao abeiro deste plan, unha trintena de empresas galegas participarán no Salón Gourmets de Madrid, unha feira alimentaria de referencia tanto no ámbito nacional como internacional.

Panadaría Herbella

A panadaría Herbella acumula unha longa tradición, desde a súa apertura xa a comezos do século XX no barrio da Tapia, na Pobra do Brollón. Dende aquela, ata catro xeracións xestionaron o negocio e a partir do ano 2007 José e Manuel Valcárcel Herbella pasaron a dirixilo, apostando polo seu desenvolvemento no medio rural. Actualmente está a traballar xa a quinta xeración.

En 2010 levouse a cabo a última ampliación ata o momento, coa creación dunha sala de empaquetado de doces, pioneira na zona, que permitiu mellorar a conservación, o transporte e a presentación dos produtos. Desde as súas instalacións comercialízanse preparacións artesanais coma o biscoito caseiro, a bica de San Lourenzo, a tarta de améndoas, as pastas de nata, as mantecadas, as rosquillas, os amendoados ou os cocos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/04/2026