Medio Rural colabora cos premios 'Dalle Like' para fomentar o coñecemento da calidade diferenciada nas contornas dixitais

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu hoxe á presentación dos nomeados a estes galardóns, unha xornada que contou cun brinde final con viños espumosos premiados nas Catas de Galicia 2025

A finais de mes, tamén no marco desta iniciativa, celebrarase un encontro para abordar a calidade diferenciada na gastronomía galega con entrevistas a produtores amparados por algún distintivo de calidade

Lugo, 9 de abril de 2026

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu esta tarde á presentación dos nomeados aos premios Dalle Like, que recoñecen o talento galego na contorna dixital e das redes sociais. A Consellería do Medio Rural colabora na organización deste evento co obxectivo de fomentar o coñecemento da calidade diferenciada neste tipo de soportes e chegar así a máis consumidores.

Neste sentido, a xornada de hoxe conta cun brinde final no que estarán presentes os viños galardoados na categoría de espumosos na última edición das Catas de Galicia. A finais de mes, tamén no marco de Dalle Like, celebrarase un encontro para abordar a calidade diferenciada na gastronomía galega. Esta acción verase enriquecida con entrevistas a produtores amparados por algún distintivo de certificación de orixe galega, que compartirán as súas experiencias.

De cara á entrega de premios, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria entregaralle un lote de produtos de calidade diferenciada aos gañadores das diferentes categorías. Esta gala final contará tamén coa promoción dos produtos amparados pola IXP Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia a través da degustación de diversa coctelería.

Data de actualización: 09/04/2026