Medio Rural impulsa a identificación e certificación de oliveiras autóctonas galegas para fomentar a calidade do aceite con orixe na nosa comunidade
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe na recollida de exemplares de oliveiras autóctonas na localidade luguesa de Ribas de Sil
Ribas de Sil (Lugo), 25 de maio de 2026
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, participou hoxe na recollida de exemplares de oliveiras autóctonas dentro do proxecto de impulso á mellora da calidade do aceite galego que está desenvolvendo a Xunta de Galicia. En concreto, recolléronse mostras de oliveiras propiedade de Miguel Ángel Rodríguez, de Aceites Figueiredo, que colabora nesta iniciativa cedendo material e autorizando o seu uso á axencia adscrita a Medio Rural.
Mediante esta recollida continúase co proceso de identificación e certificación de variedades autóctonas de oliveiras en Galicia, para determinar, en primeiro lugar, o seu estado sanitario. O seguinte paso será o de producir planta certificada na Estación Experimental Agrícola de Baixo Miño, en Salceda de Caselas (Pontevedra), co obxectivo de que os produtores poidan dispoñer delas e ademais de seguir estudando a súa conformación e características xenéticas.
Trátase de medir o grao de éxito canto á reprodución destas plantas, con vistas á súa produción, fomentando, como obxectivo último, a orixe autóctona e a calidade do aceite galego. Neste sentido, esta iniciativa enmárcase na aposta do Goberno galego pola innovación e a investigación para o desenvolvemento da actividade económica e a súa diversificación no rural, neste caso mediante o sector olivícola.