Medio Rural enxalza o sector vitivinícola como motor para xerar emprego e manter vivo o territorio na Festa do Viño de Monterrei
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu á presentación da XIX Festa do Viño de Monterrei, que terá lugar os vindeiros 7, 8 e 9 de agosto en Verín
Puxo en valor a DO de Monterrei, unha das cinco recoñecidas en Galicia neste sector, e a cal acadou o pasado ano unha produción de máis de cinco millóns de litros de viño, cun valor económico de máis de 25 millóns de euros
O Goberno galego apoia anualmente a este eido produtivo a través de diferentes liñas de axuda, dotadas con arredor de 12 millóns de euros
Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2026
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, asistiu hoxe á presentación da XIX Festa do Viño de Monterrei, que se celebrará os vindeiros 7, 8 e 9 de agosto en Verín. Alí, recoñeceu os beneficios desta denominación de orixe e do sector vitivinícola para xerar emprego e manter vivo o territorio.
Durante o acto celebrado na Praza de Abastos de Santiago de Compostela, no que tamén estivo presente Manuel Vázquez, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei, Alemparte destacou a importancia da desta DO como unha das cinco recoñecidas en Galicia dentro deste eido produtivo. Neste sentido, fixo fincapé en que este tipo de eventos contribúen a achegar o consumidor ao territorio, aos viticultores e ás adegas, reforzando o vínculo entre produto, paisaxe e identidade, e consolidando o viño como un dos grandes embaixadores da calidade diferenciada galega.
En canto aos datos, o director resaltou que esta DO xa conta con 30 adegas inscritas, o que amosa o seu potencial e o interese que xera entre o sector producir baixo este distintivo de calidade diferenciada. De feito, a Denominación de Orixe Monterrei pechou o ano 2025 cunha superficie inscrita de máis de 850 hectáreas e unha produción de viño certificada superior aos 5 millóns de litros, chegando a un valor económico estimado de máis de 25 millóns de euros.
Axudas ao sector vitivinícola
Cómpre salientar o apoio do Goberno galego ao sector vitivinícola, ao que anualmente se destinan uns 12 millóns de euros a través das axudas para a reestruturación e reconversión de viñedo; de transformación e comercialización de produtos; de promoción en terceiros países e a liña para a conservación paisaxística e loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra, entre outros apoios.
A maiores, a Consellería impulsa o Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, dotado este ano con preto de 10 millóns de euros, co obxectivo de reforzar a promoción das producións agroalimentarias galegas amparadas por selos de calidade e seguir xerando valor para os produtores e para o conxunto do rural galego.