A Xunta recibe unha oferta para a construción e concesión dunha cafetería no ámbito PS5 dos terreos da antiga ETEA en Vigo
O orzamento para a construción da cafetería estímase en 405.891€, mentres que para a fase de explotación, o valor estimado ascende a 9,8M€
O prazo global do contrato de concesión é de 20 anos, de xeito que a primeira fase, de deseño e execución das obras de rehabilitación e condicionamento do edificio, ten un prazo de 12 meses, e a segunda, de explotación da cafetería, será por 19 anos
Santiago de Compostela, 12 de abril de 2026
A Xunta recibiu unha oferta para o contrato de construción e concesión dunha cafetería no antigo edificio da panadería, no ámbito PS5 dos terreos da ETEA en Vigo, presentada por Manuel Lago Chapela.
A dotación desta cafetería enmárcase no compromiso da Xunta para recuperar estes terreos da antiga Escola de Transmisións e Electricidade da Armada para a cidadanía de Vigo. Trátase dunha proposta enfocada á dinamización social nesta contorna, como novo punto de encontro e nun miradoiro para esta zona emblemática, con vistas á praia da Punta e á ría de Vigo.
O proxecto suporá a renovación da estrutura interior, o chan e a cuberta do edificio para acadar un espazo polivalente e eficiente enerxeticamente, e contará no seu exterior cunha terraza cuberta, unha barra alta exterior e outra terraza descuberta, acompañadas de xardíns que integrarán o conxunto na paisaxe marítima.
O contrato ten dúas fases e non comporta compromiso de gasto para a Administración. Así, a futura concesionaria asumirá na primeira fase o deseño e execución das obras de rehabilitación e condicionamento do edificio, cun orzamento estimado das obras de 405.891€. E, na segunda fase, de explotación da cafetería, o contrato ten un valor estimado de 9,8M€. Como contraprestación polo uso de bens públicos, o concesionario deberá abonar un canon de explotación mínimo anual de mil euros (1.000€).
O prazo global do contrato de concesión é de 20 anos. A primeira fase, de deseño e execución das obras de rehabilitación e condicionamento do edificio, ten un prazo de 12 meses, e a segunda fase, de explotación da cafetería, ten un prazo de 19 anos.
Na avaliación das ofertas para o contrato teranse en conta, ademais dos criterios económicos (o canon proposto), a calidade da proposta, centrada no proxecto, na memoria e nas medidas de impulso demográfico, é dicir, o seu enfoque social.
Nos terreos da antiga ETEA, a Xunta ten en execución neste momento a urbanización do ámbito autonómico, o PS6, cun investimento de 4,8M€, e ten asinado o convenio para actuar no PS1, cun compromiso de investimento de 10,5M€.