O conselleiro de Sanidade inaugurou en Pontevedra as V Xornadas Nacionais de Tecnoloxías Diagnósticas que organiza a Sociedade Española de Pediatría de Atención Primaria (SEPEAP)

Gómez Caamaño pon en valor os 90 M€ investidos pola Xunta en 4 anos en equipamento e tecnoloxía para reforzar a capacidade resolutiva da atención primaria

Destaca o papel transformador que xogará a innovación tecnolóxica no futuro da sanidade

O Servizo Galego de Saúde conta con ferramentas dixitais xa consolidadas como Sergas Móbil, IANUS e E-Saúde, e está a introducir dun xeito progresivo a intelixencia artificial nos seus diagnósticos por imaxe

O conselleiro salienta a creación dunha nova Dirección Xeral específica para a Atención Primaria dentro do Sergas e a implementación de novas axendas máis flexibles para os seus profesionais

Pontevedra, 11 de abril de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, inaugurou esta mañá as V Xornadas Nacionais de Tecnoloxías Diagnósticas en Atención Primaria, un encontro no que destacou o investimento de máis de 90 millóns de euros realizado pola Xunta en equipamento e tecnoloxía co obxectivo de reforzar a capacidade resolutiva da atención primaria galega.

Durante a súa intervención, o responsable da carteira sanitaria da Xunta subliñou o papel transformador que xogará a innovación tecnolóxica no futuro da sanidade, augurando que con ela se acadará unha atención máis áxil e eficiente.

Neste senso, enumerou algúns dos avances máis significativos cos que conta o Servizo Galego de Saúde, como é o caso de ferramentas dixitais xa consolidadas -Sergas Móbil, IANUS e E-Saúde-, ou a implantación progresiva da intelixencia artificial nos seus diagnósticos por imaxe, que permitirá aumentar a precisión e axilizar os procesos de diagnóstico.

"Estamos obrigados a movernos e a avanzar para preservar a atención primaria como a esencia dun sistema sanitario que se sitúe entre os mellores do mundo", apuntou Gomez Caamaño, incidindo en que o emprego sanitario das novas tecnoloxías debe realizarse sempre sobre a base á evidencia científica.

Durante a súa participación nas V Xornadas Nacionais de Tecnoloxías Diagnósticas da Sociedade Española de Pediatría de Atención Primaria (SEPEAP), Gómez Caamaño destacou a reforma que acometerá o Servizo Galego Saúde no seu primeiro nivel asistencial. Así, tal e como avanzou o presidente da Xunta no marco do Debate do Estado da Autonómica, crearase unha Dirección Xeral específica para a Atención Primaria dentro do Servizo Galego de Saúde co obxectivo reforzar a súa eficiencia e capacidade organizativa.

Na mesma liña, abundou o conselleiro, o departamento sanitario da Xunta tamén ten previsto implementar axendas máis flexibles e dinámicas para os profesionais, facilitando así un modelo sanitario máis resolutivo e adaptado ás necesidades actuais da sociedade.

“A tecnoloxía, o coñecemento e a organización están a converxer para dar un salto cualitativo na atención primaria, reforzando a súa capacidade diagnóstica e a súa proximidade ao paciente”, concluíu Gómez Caamaño.

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle o encontro organizado pola Sociedade Española de Pediatría de Atención Primaria (SEPEAP), na que especialistas dos ámbitos da Medicina Familiar e Comunitaria e da Pediatría, compartirán as súas experiencias clínicas e as últimas novidades xurdidas ao redor das novas tecnoloxías e o ámbito da atención primaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/04/2026