A Xunta presenta ás comunidades e ao Incibe a rede de laboratorios de referencia estatal sobre ciberseguridade industrial e no transporte intelixente

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia participou nunha sesión sobre os avances dos proxectos das Redes de Especialización Tecnolóxica no Instituto Nacional de Ciberseguridade

Galicia lidera os aspectos relacionados co transporte no proxecto de creación dun Centro de Innovación e Competencia en Ciencias da Saúde, Transporte Intelixente, Industria Conectada e Excelencia Operativa, no que participa xunto a Cataluña e a Comunidade Valenciana

Ademais da rede de laboratorios e centros demostradores, a Xunta está a desenvolver programas superiores de formación, campañas de sensibilización e apoio á adquisición de competencias en empresas

León, 15 de abril de 2026

A Xunta presentou hoxe ante representantes do resto das Comunidades Autónomas e do Goberno central o obxectivo dos seis laboratorios e centros demostradores en ciberseguridade, que se están a crear no marco do proxecto das Redes de Especialización Tecnolóxica (RETECH) no que Galicia participa xunto con Cataluña e a Comunidade Valenciana.

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Damián Rey, participou hoxe nunha xornada desenvolvida na sede do Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe), en León, na que os diferentes nodos RETECH do Estado presentaron os avances dous seus proxectos.

Galicia lidera os aspectos relacionados co transporte no proxecto de creación dun Centro de Innovación e Competencias en Ciencias da Saúde, Transporte Intelixente, Industria Conectada e Excelencia Operativa.

Neste marco, a Xunta está a crear unha infraestrutura transversal de coordinación, composta por un laboratorio e centro demostrador de ciberseguridade en produtos con elementos dixitais e un laboratorio e centro demostrador de ciberseguridade industrial, que actuarán para reforzar as capacidades de empresas, administracións públicas e cidadanía fronte ás novas ameazas dixitais. Está localizada na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela ata que os laboratorios poidan ser instalados definitivamente no Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia (CECIGA), que se está a construír en San Cibrao das Viñas, Ourense.

Ademais destes dous laboratorios, na rede están integrados outros catro centros, en colaboración co Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), a Universidade de Vigo, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), co obxectivo común de fortalecer a investigación, a innovación e a transferencia de solucións en ciberseguridade no tecido produtivo galego.

Damián Rey explicou tamén que este RETECH permitiu xa o lanzamento de 14 cursos de especialización en ciberseguridade en Formación Profesional e a posta en marcha dunha aula específica para formación en ciberseguridade, dentro dos programas superiores previstos. Falou tamén das campañas de sensibilización desenvolvidas pola Xunta sobre os riscos asociados ao uso das tecnoloxías, que chegaron xa a máis de 2 millóns de persoas. Por último, presentou as iniciativas de apoio á adquisición de competencias en empresas, nas que se impartiron máis de 930 horas de formación coa participación de 350 persoas en 2025. Este ano están en fase de lanzamento oito novos cursos, con máis de 135 prazas.

Data de actualización: 15/04/2026