A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participa na rolda de prensa de presentación do evento

A Xunta enxalza o labor da comunidade científica galega na presentación da Noite das persoas investigadoras

Máis de 150 actividades de divulgación científica encherán as rúas das sete cidades galegas no serán do venres 25 de setembro

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP apoia este evento, que ten por obxectivo achegar a ciencia á sociedade e poñer en valor o labor do persoal investigador

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2026

A directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, Carmen Cotelo, participou esta mañá no Museo de Historia Natural da USC na rolda de prensa de presentación da Noite das persoas investigadoras en Galicia. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP apoia un ano máis esta cita que acollerá máis de 150 actividades de divulgación científica nas sete cidades galegas o vindeiro venres 25 de setembro.

Cotelo resaltou a importancia desta iniciativa no ámbito da divulgación que organizan desde hai seis anos as tres universidades públicas galegas, os centros do CSIC en Galicia e outros centros de investigación da Comunidade. Destacou, ademais, que os obxectivos da Noite europea das persoas investigadoras, que son achegar a ciencia á sociedade e poñerlle rostro ás persoas que están detrás dos avances científicos, conflúen cos obxectivos da política de I+D+i da Xunta de Galicia. De feito, apuntou que o persoal investigador é o principal activo do ecosistema galego de I+G+i e, por iso, unha das grandes prioridades da Xunta é atraer, reter e consolidar talento científico en Galicia.

Neste senso, puxo de exemplo o programa Oportunius que leva apoiado 47 investigadores e investigadoras excelentes beneficiarios dunha axuda do Consello Europeo de Investigación (ERC), que están a desenvolver 59 proxectos en institucións galegas e dos cales 28 están contratados como persoal investigador distinguido pola Xunta de Galicia. É unha política orientada a facer de Galicia un lugar atractivo non só para investigar, senón tamén para construír unha carreira científica de longo percorrido. A G-Night supón unha oportunidade para poñer en valor a ciencia que se fai en Galicia e a comunidade científica que está detrás, así como espertar vocacións científicas entre as novas xeracións. 

Máis de 150 actividades científicas nas rúas

Esta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night), que naceu ao abeiro da Noite Europea das Persoas Investigadoras promovida pola Unión Europea, reunirá o serán do vindeiro 25 de setembro máis de 150 actividades gratuítas de divulgación científica nas sete principais cidades de Galicia. As entidades organizadoras son as tres universidades públicas galegas, os institutos do CSIC en Galicia, así como outros centros e organismos de investigación galegos (CESGA, CITMAga, ECOBAS, FCEER, IDIS, IISGS e INIBIC), baixo a coordinación da Universidade de Vigo.

Agárdase que miles de persoas, como as máis de 10.000 que participaron na pasada edición, se acheguen dun xeito lúdico ao mundo da investigación a través de experimentos e demostracións que transformarán as rúas en laboratorios ao aire libre, dos que formarán parte máis de 500 persoas investigadoras. A diversidade de espazos, temas e formatos permitirá chegar a públicos moi diferentes. Ademais dos recursos propios das entidades organizadoras, este evento conta co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración da Real Sociedad Española de Química, ademais doutras achegas a nivel local. 

Portas abertas no Cesga

O Centro de Supercomputación de Galicia, Cesga, súmase tamén a esta cita cunha xornada de portas abertas dirixida a público xeral a partir das 16,00 horas. A actividade, titulada “Viaxe ao interior dun Supercomputador. Descobre o FinisTerrae III”, inclúe unha visita de arredor de 30 minutos ás instalacións do centro onde se atopa instalado o supercomputador FinisTerrae III e unha charla sobre os usos desta tecnoloxía na produción de coñecemento para a mellora da vida das persoas. Esta actividade require reserva de praza a través da páxina web da G-Night.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/09/2026