Medio Rural apoia os criadores de razas autóctonas con 270.000 € para o seu impulso e conservación
Hoxe publícase a resolución correspondente desta liña, que ten 10 entidades beneficiarias e que persegue aumentar a rendibilidade das explotacións galegas
A través destas achegas subvenciónanse os gastos derivados da creación e mantemento dos libros xenealóxicos, así como daquelas actividades que deriven do desenvolvemento do programa de cría oficialmente recoñecido para cada raza
Santiago de Compostela, 16 de abril de 2026
A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución das achegas convocadas para o fomento das razas autóctonas galegas, a través da cal se destinan 270.000 euros a 10 entidades beneficiarias, todas elas asociacións de criadores destas razas gandeiras que desenvolven actuacións destinadas ao seu fomento.
Esta liña ten como obxectivo aumentar a rendibilidade das explotacións galegas, ao tempo que se impulsa a súa viabilidade e o nivel de vida dos gandeiros. Ademais, contribúen a modernizar este eido nas vertentes xenéticas, sanitarias e de produción animal, ao tempo que se mellora a eficiencia dos sistemas produtivos e da calidade das producións. Do mesmo xeito, favorécese a optimización da utilización das oportunidades e recursos dispoñibles.
A través destas achegas subvenciónanse os gastos derivados da creación e mantemento dos libros xenealóxicos, así como daquelas actividades que deriven do desenvolvemento do programa de cría oficialmente recoñecido para cada raza, no que se recollen as actividades destinadas á súa conservación. Financiaranse tamén o mantemento dos bancos de xermoplasma en centros autorizados oficialmente e as probas destinadas a determinar a calidade xenética ou o rendemento do gando.
Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260416/AnuncioG0426-080426-0004_gl.html.