A Xunta desenvolve en Lugo unha acción de concienciación para reforzar a recollida separada de biorresiduos
O delegado territorial informou desta iniciativa, enmarcada na campaña ‘Co marrón somos máis verdes’, e animou á cidadanía a facer unha correcta separación dos residuos domésticos para avanzar no modelo de economía circular
Lugo, 16 de abril de 2026
A Xunta de Galicia desenvolve estes días en Lugo unha acción de concienciación especial para reforzar e impulsar a recollida separada dos residuos de materia orgánica, tamén chamados biorresiduos.
O delegado territorial, Javier Arias, informou hoxe desta iniciativa divulgativa e achegouse ao panel decorado con vexetación natural autóctona arredor dun gran cartel co lema ‘Co marrón somos máis verdes’ que estes días se pode ver na explanada do edificio administrativo do Goberno galego na cidade. Segundo explicou, o obxectivo é “chamar a atención da cidadanía e fomentar a correcta separación da fracción orgánica dos residuos domésticos”.
Trátase dunha acción puntual que se enmarca na campaña de concienciación impulsada pola Xunta en decembro de 2025, co fin de trasladar á cidadanía información sobre os biorresiduos, a súa importancia como recurso e as formas máis axeitadas de xestionalos, clarificando que tipo de refugallos pode ir ao contedor marrón.
Arias lembrou que a fracción orgánica representa arredor do 40% da bolsa de lixo dun fogar tipo e que desde o 1 de xaneiro de 2024 ten que recollerse separadamente. Neste senso, destacou a implicación da Xunta para apoiar ás entidades locais no cumprimento das novas obrigas normativas, o que permite que Galicia conte xa coa infraestrutura necesaria para recoller de forma separada e, posteriormente, tratar os refugallos.
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático destinou 22 millóns de euros entre os anos 2018 e 2025 a facilitar o impulso da recollida selectiva e o tratamento de biorresiduos, con medidas como a implantación do quinto contedor (o marrón), programas para o fomento da compostaxe ou axudas á adquisición de vehículos para o transporte destes residuos.
O delegado territorial considerou que “agora é o momento de incidir na sensibilización, con accións de impacto visual coma esta que temos en marcha, para seguir promovendo hábitos responsables entre a cidadanía e avanzar cara a un modelo máis sostible e circular, no que a correcta separación dos residuos sexa unha práctica habitual no día a día dos fogares da provincia”. Ademais de en Lugo, a campaña desenvólvese tamén en Santiago de Compostela e Ferrol.