A Xunta avalía o impulso de novas iniciativas para fomentar o desenvolvemento rural e a prevención de incendios en Folgoso do Courel e Pantón

A conselleira do Medio Rural reuniuse hoxe cos rexedores destes municipios para avanzar na súa colaboración conxunta

María José Gómez destacou que dende o ano 2019 a Consellería destinou algo máis de 845.500 euros para executar labores preventivas en Folgoso do Courel

A localidade de Pantón recibiu unha achega de 89.676 euros para arranxar vías de titularidade municipal ao abeiro do Plan Camiña Rural 2025-2026

Lugo, 16 de abril de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse na mañá de hoxe coa alcaldesa do concello lucense de Folgoso do Courel, Dolores Castro, con quen avaliou diferentes vías de colaboración conxuntas para impulsar o desenvolvemento rural no municipio. Neste sentido, ao abeiro do Plan Camiña rural, esta localidade recibiu unha achega de preto de 60.000 euros.

A maiores, na xuntanza abordáronse cuestións vencelladas coa prevención de incendios forestais. Así, Gómez sinalou que dende o ano 2019 a Consellería destinou algo máis de 845.500 euros para executar labores preventivas nesta localidade. Dentro deste tipo de traballos destacan as actuacións en cortalumes, pistas forestais, depósitos de auga ou tratamentos silvícolas, entre outros.

Encontro co alcalde de Pantón

Posteriormente, María José Gómez mantivo un encontro co rexedor do municipio de Pantón, José Luis Álvarez, con quen estudou a posibilidade de implementar melloras nas infraestruturas rurais do concello.

Neste sentido, ao abeiro do Plan Camiña Rural 2025-2026, Pantón recibiu unha achega de 89.676 euros para arranxar camiños de titularidade municipal. Este tipo actuacións redundan de xeito moi beneficioso na mobilidade dos veciños destas contornas e, ao mesmo tempo, facilitan o transporte dos produtos agroalimentarios que se producen na zona.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/04/2026