A Xunta licita por preto de 180.000 € as obras dunha senda na vía de servizo anexa á PO-548 en Valga

A actuación consistirá na ampliación da plataforma viaria na vía de servizo anexa á PO-548 na súa marxe dereita e na execución dunha senda anexa que permitirá a conexión coa Igrexa de Santa Columba de Cordeiro de Valga

As empresas poderán presentar ofertas ata o 12 de maio e o prazo de execución das obras é de seis meses

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2026

A Xunta licita por preto de 180.000€  (176.551€) as obras dunha senda na vía de servizo anexa á estrada autonómica PO-548, no concello pontevedrés de Valga. O prazo para presentar ofertas para esta actuación rematará o 12 de maio e o prazo de execución destas obras é de seis meses.

Trátase dunha actuación de mellora da mobilidade e da seguridade viaria, que permitirá mellorar a seguridade viaria e facilitar os desprazamentos a pé da veciñanza.

En concreto, a intervención consistirá na ampliación da plataforma viaria na vía de servizo situada na marxe dereita da PO-548, entre os puntos quilométricos 4+170 e 4+285, incrementando o ancho da calzada ata os 6 metros. Esta actuación permitirá garantir o cruzamento seguro de vehículos e habilitar un itinerario peonil accesible.

Neste ámbito construirase unha senda de formigón coloreado de 2,02 metros de ancho que mellorará a mobilidade peonil en condicións de seguridade na zona e permitirá a conexión coa Igrexa de Santa Columba de Cordeiro. Ademais, manterase o acceso ás parcelas privadas existentes mediante un pequeno camiño de servizo de 3 metros de ancho situado xunto á senda.

O proxecto tamén contempla varias actuacións complementarias, entre elas o retranqueo ou soterramento dalgúns postes de servizos, a execución de pequenos muros de contención de pedra para estabilizar os noiros e a mellora do sistema de drenaxe da vía de servizo, xa que se prevé a modificación da rede existente de pluviais mediante a incorporación de novos elementos.

Esta intervención enmárcase no compromiso da Xunta de Galicia coa mellora da seguridade viaria, con actuacións que melloran e favorecen nos municipios unha mobilidade máis sustentable, cómoda e segura.

Data de actualización: 19/04/2026