Medio rural destaca o papel do sector apícola galego de calidade como principal produtor de España
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, asistiu hoxe á celebración da XXXVIII Feira Apícola das Rías Baixas-Bee Happy Market, que se celebra no concello do Porriño
Baixo o distintivo de calidade diferenciada da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia, no 2025 acadouse unha produción de preto de 300.000 quilos e un valor estimado superior aos 2,6 millóns de euros
A Consellería conta cunha liña de axudas específica de apoio a este eido produtivo, cuxa convocatoria deste ano está dotada cun orzamento de 1,4 millóns de euros para mellorar a súa competitividade
O Porriño (Pontevedra), 18 de abril de 2026
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou hoxe na celebración da XXXVIII Feira Apícola das Rías Baixas-Bee Happy Market, onde destacou o papel do sector apícola galego de calidade como un dos principais produtores de España.
Neste sentido, a través da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia, o pasado ano acadouse unha produción de preto de 300.000 quilos e un valor estimado de máis de 2,6 millóns de euros, o que sitúa á nosa comunidade como principal produtor de España neste sector.
A maiores, a Consellería do Medio Rural conta cunha liña de axudas destinada ao sector apícola, convocada este ano cun orzamento de 1,4 millóns de euros. O obxectivo destas achegas é mellorar a competitividade da actividade apícola a través do financiamento servizos de carácter técnico; investimentos en activos materiais e inmateriais, entre os que se inclúe a loita contra invasores como a vespa velutina ou enfermidades como a varroose; actuacións de análise que permitan incrementar o número de abellas ou a súa produción; a promoción, comunicación e comercialización dos produtos e as actividades que permitan incrementar a súa calidade.