O presidente do Goberno galego respondeu no Pleno do Parlamento de Galicia as preguntas dos grupos parlamentarios
Rueda anuncia que Galicia será a primeira comunidade que regule os exames virtuais para o ensino público non universitario
Sinala que esta regulación, que se encadra na futura Lei de educación dixital, contempla o emprego de sistemas biométricos que garantan a autenticidade dos resultados
Salienta que o Goberno galego traballa para que a nosa terra siga a ter bos datos económicos, potenciando o ensino, atraendo investimentos e aproveitando todas as súas potencialidades industriais
Santiago de Compostela, 21 de abril de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que Galicia será a primeira comunidade que regule os exames virtuais para o ensino público non universitario.
Durante a sesión de control no Pleno do Parlamento de Galicia en resposta ás preguntas dos grupos parlamentarios, o titular do Executivo galego sinalou que esta regulación para a “educación do futuro”, que se encadra na futura Lei de educación dixital, contempla o emprego de “sistemas biométricos que garantan a autenticidade dos resultados” no caso de probas a distancia sen supervisión docente.
Neste sentido, cómpre lembrar que esta Lei incorporará outras medidas destinadas a responder os retos presentes e futuros da educación, como que a comunicación entre profesores e familias se produza só a través de Abalar, a prohibición de gravar clases sen autorización, ou a regulación do uso da intelixencia artificial ou do móbil nas aulas, dispoñible só a partir de terceiro de ESO para uso exclusivamente pedagóxico.
O presidente salientou que o Goberno galego traballa para que “Galicia siga a ter bos datos económicos”, potenciando o ensino, atraendo investimentos e aproveitando “todas as potencialidades industriais” que ten a nosa comunidade.
Tamén durante a sesión de control, Rueda remarcou os avances en materia formativa e laboral propiciados polo Goberno galego, como o desenvolvemento das microformacións, a adaptación da formación profesional ás demandas do mercado ou maiores recursos para a conciliación.