Belén do Campo anima ás empresas galegas a solicitar as axudas para impulsar o aforro e a eficiencia enerxética
Esta convocatoria conta cun orzamento de 7,5 millóns de euros e ten o prazo aberto ata o 15 de setembro en concorrencia non competitiva
A delegada da Xunta visitou a empresa Palets Cervelo, beneficiaria dun apoio de 41.000 euros para modernizar as súas instalacións
Curtis (A Coruña), 21 de abril de 2026
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Curtis, Javier Caínzos, visitou esta mañá as instalacións da empresa Palets Cervelo, S.L., beneficiaria o pasado ano das axudas convocadas pola Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia, destinadas a proxectos de aforro e eficiencia enerxética no ámbito empresarial.
Durante a visita, a representante autonómica destacou que esta empresa recibiu preto de 41.000 euros para a posta en marcha dun proxecto que supuxo un investimento total superior aos 90.000 euros, centrado na instalación de cintas de transporte e dun almacén automático. En concreto, a actuación consistiu na substitución do sistema existente de cargadores autopropulsados a gasóleo por un sistema de cintas de transporte e almacenamento totalmente automatizado.
Segundo explicou, este proxecto permite acadar un aforro enerxético de 165.344 kWh anuais de enerxía final, o que supón preto do 38,95 % do consumo inicial, así como unha redución das emisións de 49,31 toneladas de CO2 ao ano, é dicir, un 58,55 % respecto ás emisións iniciais.
Belén do Campo puxo en valor a traxectoria de Palets Cervelo, unha empresa fundada na Coruña en 1999 que integrou nun único proxecto actividades como o transporte de mercadorías por estrada —sector no que a familia conta con máis de 50 anos de experiencia— e a recuperación e reutilización de palés. Baixo a dirección de José Manuel Cervelo, a compañía evolucionou cara a un modelo máis amplo que inclúe almacenaxe, distribución e comercialización, consolidándose como un referente no seu sector.
A delegada tamén salientou o compromiso ambiental da empresa, que aproveita os seus propios residuos de madeira para transformalos en biomasa destinada ao abastecemento enerxético das súas instalacións, avanzando así cara a un modelo máis sostible.
Balance axudas ano 2025
No balance das axudas, Belén do Campo lembrou que no ano 2025 un total de 9 empresas na provincia da Coruña recibiron 12 achegas por un importe global de case 691.000 euros, mobilizando investimentos próximos aos 2 millóns de euros. Na comarca de Betanzos, ademais de Palets Cervelo, tamén resultou beneficiaria a empresa Pizza System en Bergondo, cun apoio de preto de 64.000 euros para actuacións de mellora enerxética para a substitución da cuberta e a instalación de enerxía fotovoltaica. En conxunto, ambas compañías sumaron máis de 104.000 euros en axudas que permitiron mobilizar arredor de 250.000 euros en investimentos.
Axudas ano 2026
A delegada incidiu en que esta liña de apoios continúa aberta, en concorrencia non competitiva, polo que animou ás empresas e autónomos galegos a presentar as súas solicitudes ata o 15 de setembro.
A contía da subvención será de entre o 20% e o 35% do coste subvencionable. A intensidade da axuda incrementarase nun 20% en caso de axudas concedidas a pequenas empresas e de un 10% no caso de medianas empresas.
O programa conta cun orzamento global de 7,5 millóns de euros (2,2 millóns de euros en 2025 e 5,3 millóns de euros en 2026), e ten como obxectivo mobilizar ata 30 millóns de euros en diferentes tipoloxías de proxectos que poden ser de aforro e eficiencia enerxética en pymes e grandes empresas, reserváse tamén unha partida especifíca para pymes e grandes empresas que reduzan a emisión de GEI (Gases Efecto Invernadoiro) en a lo menos un 30% e para iniciativas de aforro en eficiencia enerxética en infraestuturas públicas.
Belén do Campo concluíu destacando que “estas axudas son unha ferramenta clave para avanzar cara a un modelo económico máis sostible, eficiente e competitivo, apoiando ás empresas galegas no seu proceso de modernización e transición enerxética”.