María José Gómez enxalza a vertente práctica dos ciclos formativos da rama agraria nunha demostración de maquinaria no CFEA de Sergude
A conselleira do Medio Rural participou esta mañá nesta iniciativa, que ten como fin trasladar ao alumnado coñecementos sobre maquinaria de precisión de última xeración que poderán aplicar a nivel profesional
Este tipo de accións exemplifican a aposta por unha formación estreitamente vinculada á realidade laboral do sector primario e que, ademais, responde ás demandas actuais do mercado
Gómez destacou que o obxectivo da Xunta é que a mocidade que curse os seus estudos nalgún dos seis CFEA que hai distribuídos pola comunidade saia ao mercado laboral plenamente capacitada
Reafirmou o compromiso do Goberno galego neste eido co aumento dun 11 % de prazas de novo ingreso neste curso e destacou que os CFEA contan na actualidade con 566 alumnos, un 9% máis que o ano pasado, e practicamente e metade son mulleres
Boqueixón (A Coruña), 22 de abril de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou esta mañá, xunto co alumnado do Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Sergude, en Boqueixón, nunha demostración de manexo de maquinaria. Alí, enxalzou a vertente eminentemente práctica e participativa que caracteriza os ciclos formativos da rama agraria impulsados dende a Consellería.
Esta xornada, á que tamén asistiu o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, vai dirixida aos estudantes de primeiro curso do grao medio en Produción Agropecuaria, coa fin de formalos na utilidade da maquinaria de precisión de última xeración con coñecementos que poderán aplicar a nivel profesional.
A través de iniciativas deste tipo, sinalou a conselleira, dende Medio Rural apóstase por unha formación estreitamente vinculada á realidade laboral do sector primario e que, ademais, responde ás demandas actuais do mercado. Estas accións favorecen de xeito directo a inserción laboral do alumnado, que en moitos ciclos acada o 100 %.
Seguindo esta liña, Gómez destacou que o obxectivo do Goberno autonómico é que a mocidade que curse os seus estudos nalgún dos seis CFEA que hai distribuídos pola comunidade saia ao mercado laboral plenamente capacitada. Por esta mesma razón, apóstase por sesións prácticas como a que se está a desenvolver hoxe en Sergude. Neste sentido, agradeceu o traballo das empresas que colaboran cos CFEA e que fan posible a celebración destas xornadas.
A acción formativa incluíu un estudo do estado vexetativo das plantas da parcela mediante un dron multiespectral, con cámaras térmicas e análise do cultivo; ademais do ensilado de herba para o que se empregou un tractor autoguiado GPS. Para as nocións sobre empacado, utilizouse unha picadora, rotoempacadora e encintadora con cámara variable de alta densidade que permite obter pacas de distintos tamaños. A máquina emprega tamén encintado 3D para conseguir unha distribución homoxénea do plástico e conseguir así un selado perfecto para a conservación óptima. Por último, os bolos foron empillados mediante pala telescópica con pinza hidráulica multifunción.
Bos datos de matriculación
A conselleira reafirmou o compromiso do Executivo galego neste eido e lembrou que para o presente curso 2025-2026 aumentaron nun 11 % as prazas de novo ingreso en comparación co ano anterior. Incorporáronse tamén importantes novidades de cara a este curso xa que, entre outras cuestións, se duplicaron as prazas na FP Dual de Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal que se imparte en Sergude.
María José Gómez incidiu en que a oferta formativa da rama agraria está a espertar un grande interese entre a mocidade e cada curso incrementa a súa demanda, tal e como demostran os datos de matriculación. Na actualidade, os seis CFEA acumulan un total de 566 alumnos, un 9 % máis que o curso pasado, dos cales practicamente a metade -276- son mulleres.
A conselleira do Medio Rural explicou que todas estas accións redundan de xeito positivo no noso medio rural. A formación contribúe a profesionalizar o sector agroalimentario e a impulsar a remuda xeracional, unha cuestión que, como subliñou, é unha prioridade para o Goberno autonómico. Asegurou así que se seguirá a traballar nesta liña para garantir un rural vivo, produtivo e rendible.