A Xunta felicita ao Concello de Ribadeo e a asociación ACISA, galardoada co Premio Nacional a Centros Comerciais Abertos
Santiago de Compostela, 22 de abril de 2026
A Xunta de Galicia felicita ao Concello de Ribadeo e a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos deste municipio, ACISA, que resultou gañadora do Premio Nacional a Centros Comerciais Abertos. Así o recolle hoxe o Boletín Oficial do Estado, que tamén sinala que este galardón recoñece o asociacionismo comercial e está orientado á promoción dos CCA e á potenciación e desenvolvemento dos seus órganos xerenciais.
Neste sentido, o Goberno galego destaca o papel de ACISA Ribadeo como entidade clave e referente na dinamización comercial deste municipio. Boa mostra disto son iniciativas como a campaña O noso comercio é vida. Vive Ribadeo, recoñecida entre as cinco campañas extraordinarias seleccionadas pola Xunta en 2025 no marco da iniciativa O teu comercio local é extraordinario. Unha acción que precisamente salientou o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, o pasado sábado no marco dunha visita a este concello centrada en poñer en valor o comercio de proximidade.
O Executivo galego tamén felicita ao Concello de Marín e a Asociación Centro Comercial Local Estrela de Marín, que recibiu unha mención honorífica na categoría na que foi premiada Ribadeo e que tamén obtivo recoñecemento o ano pasado na acción autonómica O teu comercio local é extraordinario, así como a Lo Próximo Digital Services, a quen lle foi concedido un áccesit na categoría de Ideas Tecnolóxicas Aplicables ao Comercio pola plataforma dixital LoPróximo, implantada polo Centro Comercial Aberto de Carballo, entre outras entidades. Esta plataforma dixital fora recoñecida co Premio Comercio Dinamización, no marco dos galardóns do Comercio Galego 2024. Ademais, dá os parabéns ao Concello de Vigo, ao que se lle outorgou outra mención honorífica no apartado de Compromiso Municipal co Pequeno Comercio.