A Xunta licita por 787.664 € a compra de vacinas antigripais estándar para a próxima campaña
Adquiriranse 255.000 doses dunha vacina destinada á poboación de 6 meses a 69 anos, cando que non teña indicada outra
A Consellería de Sanidade adquire tres tipos diferentes de vacinas para inmunizar á poboación galega fronte ao virus da gripe: a estándar, a intranasal e a reforzada
As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen ata o vindeiro 25 de maio para presentar as súas ofertas
Santiago de Compostela, 22 de abril de 2026
A Xunta, a través da Consellería de Sanidade, vén de publicar no Portal de Contratos de Galicia a licitación por 787.664 euros do subministro sucesivo das vacinas antigripais inactivadas de virus fraccionados ou de antíxenos de superficie (H y N) ou análogas.
A vacina da gripe reformúlase todos os anos debido ás variacións que se producen nos virus gripais, co obxectivo de que concorden o máximo posible cos virus circulantes. Neste senso, e unha vez valoradas as recomendacións das distintas organización sanitarias e sociedades científicas, a Dirección Xeral de Saúde Pública adquirirá tres tipos de vacinas diferentes para levar a cabo a campaña de vacinación da gripe.
No caso deste expediente, cuxo obxecto de compra é a vacina antigripal estándar, adquiriranse 255.000 doses que se empregarán na campaña 2026-2027 na poboación entre 6 meses e 69 anos, cando non teñan indicada outra vacina.
Cómpre apuntar que, noutros expedientes, a Consellería de Sanidade tamén adquirirá a vacina antigripal de virus atenuados e de administración intranasal, ademais da vacina inactivada reforzada, que desde o vindeiro ano se subministrará ás persoas residentes en centros sociosanitarios de 60 e máis anos e á poboación xeral desde os 65 anos.
As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen ata o vindeiro 25 de maio para presentar as súas ofertas.