A Xunta subliña a necesidade de continuar reducindo a dependencia dos combustibles fósiles para avanzar nunha mobilidade eficiente
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou na Coruña na xornada Eficiencia e mobilidade sustentable: novos horizontes no transporte na que puxo en valor as iniciativas do Goberno galego neste eido
Lembrou que o Plan Renova o teu vehículo volveu esgotar en apenas un mes a partida destinada para particulares e reclamou ao Estado que convoque cantos antes o novo Plan Auto+
A Coruña, 23 de abril de 2026
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, asegurou esta mañá que para fomentar a descarbonización e reducir a dependencia enerxética do exterior, que cifrou nun 59,7% no ano 2024, “precisamos reducir as importacións de combustibles fósiles, aínda que a realidade é que son necesarias nun sector tan importante como o do transporte”.
Fernández Vila participou na xornada Eficiencia e mobilidade sustentable: novos horizontes no transporte, na que puxo en valor as iniciativas que está a levar a cabo o Goberno galego para continuar reducindo a dependencia da economía galega destas fontes de enerxía contaminantes para avanzar no proceso de descarbonización cara unha mobilidade máis eficiente, verde e sustentable.
O director xeral lembrou que o Goberno galego puxo en marcha no mes de xaneiro unha nova edición do Plan Renova o teu vehículo, cuxo obxectivo pasa por fomentar unha mobilidade eficiente e reducir as emisións de carbono. Na edición deste ano recibíronse máis de 1.500 solicitudes que esgotaron o crédito reservado para particulares do total de 3,5 millóns de euros dispoñible en apenas un mes, situando á Comunidade galega como a rexión co maior incremento de matriculacións no último ano.
No mesmo ámbito de mobilidade sustentable, Fernández Vila aludiu ao Programa de incentivos a mobilidade eficiente e sostible do Estado, que este ano cambia de nome e pasa a chamarse Plan Auto+. Unha iniciativa que inclúe novidades con respecto da versión anterior (o Plan Moves) como son os descontos directos, nos que segue o modelo galego, pero que exclúe a liña de axudas para a instalación de puntos de recarga. Nesta liña, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas instou ao Goberno central a convocar canto antes a nova orde de axudas.
Finalmente, Pablo Fernández Vila se referiu á posibilidade de compatibilizar o sistema de Certificados de Aforro Enerxético (CAEs) coas axudas para apoiar o cambio de vehículos de combustión por eléctricos nas frotas de transporte pesado. "Os CAEs son unha oportunidade para acelerara o proceso de descarbonización no transporte pesado, ao tempo que impulsa a competitividade dun sector cunha forte dependencia dos combustibles fósiles”, subliñou ao tempo que lembrou que o sistema CAEs basease na acreditación mediante un documento electrónico da consecución dun aforro no consumo de enerxía final logo da implantación de proxectos ou medidas de eficiencia enerxética. Para iso, incentivase o investimento en tecnoloxías eficientes, a redución dos custes para os consumidores e o fomento da innovación, ao tempo que se xeran beneficios sociais e económicos ao permitir o intercambio de eficiencia por diñeiro e se promove un sector empresarial máis competitivo.