A Xunta reclama avances no Corredor Atlántico e avanza a creación dunha Oficina Técnica do Ferrocarril
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou na inauguración do XII Encontro de Enxeñería Civil Galicia-Norte de Portugal
Destacou a recente aprobación do proxecto ‘Impulso do Corredor Atlántico’ enmarcado no Programa de Cooperación Interrreg España-Portugal (POCTEP) 2021-27, que busca acelerar as conexións ferroviarias para optimizar a competitividade de Galicia, Castela León e o Norte de Portugal
No marco deste proxecto crearase a Oficina Técnica do Ferrocarril, liderada polo Goberno galego, para ofrecer asesoramento técnico e estratéxico para facilitar a integración do tren nas cadeas loxísticas
Santiago de Compostela, 24 de abril de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na inauguración do XII Encontro de Enxeñería Civil Galicia-Norte de Portugal, onde destacou o papel clave das infraestruturas de transporte para o desenvolvemento da Eurorrexión. Durante a súa intervención, incidiu na necesidade de completar o Corredor Atlántico coa conexión ata Ferrol polo norte e ata Portugal polo sur como piar fundamental para reforzar a competitividade do noroeste peninsular.
No encontro tamén participa a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, cunha conferencia na que aborda estas e outras cuestións, como as principais limitacións da rede ferroviaria galega e a necesidade de avanzar nos proxectos de autoestradas ferroviarias propostos por Galicia para impulsar o transporte de mercadorías por tren.
Durante a súa intervención, Diego Calvo subliñou o carácter estratéxico do ramal noroeste para reclamarlle unha vez máis ao Goberno central un plan con prazos e investimentos definidos e, fronte a este inmobilismo, salientou a recente aprobación, dentro do Programa de Cooperación Interrreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, dun proxecto estratéxico no que a Xunta participa xunto a outras entidades para acelerar o desenvolvemento do Corredor Atlántico e a conexión ferroviaria entre Galicia e o norte de Portugal. O obxectivo de dito proxecto, ’Impulso do Corredor Atlántico’, é optimizar a competitividade de Galicia, o Norte de Portugal e Castela León traballando de forma coordinada.
O proxecto integra asociacións empresariais e as administracións públicas dos tres territorios e recolle entre os seus obxectivos analizar e avaliar as infraestruturas e os fluxos de viaxeiros e mercadorías, a coordinación para planificar e demandar financiamento e un seguimento continuo do corredor, analizando o avance das obras, os investimentos e os principais puntos críticos. Así mesmo, entre as actuacións previstas destaca a creación dunha Oficina Técnica do Ferrocarril que, liderada pola Xunta, ofrecerá asesoramento especializado e apoio a empresas e administracións para facilitar a integración do tren nas cadeas loxísticas.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes destacou a importancia dun compromiso firme co desenvolvemento das infraestruturas para aproveitar plenamente o potencial da Eurorrexión e reforzar o seu papel como referente europeo, e lembrou que Galicia e o Norte de Portugal viven un momento clave, determinado pola súa posición estratéxica e a súa conexión co Atlántico.
Alta velocidade, portos e aeroportos
Por iso, cualificou como prioritaria a conexión de alta velocidade ferroviaria con Portugal, advertindo dos atrasos existentes por parte do Goberno central e da necesidade de adoptar medidas urxentes para evitar novos adiamentos. Neste contexto lamentou que, coa situación actual no tramo español, o horizonte desta conexión se situaría, polo menos, no 2038, non cumprindo con ningún dos compromisos avanzados ata o de agora polo Executivo estatal. Na mesma liña, lembrou a necesidade de reforzar a conexión ferroviaria cos portos e avanzar no recoñecemento de Vigo e Ferrol como portos nodais da rede básica europea.
Por último, e en relación cos aeroportos, apostou por unha estratexia coordinada para as tres terminais galegas no marco da proposta de AENA. Dita proposta implica sumar a colaboración de todas as administracións para a captación de novas rutas co obxectivo de que sexan rendibles e sostibles no tempo.