O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou na inauguración da XXIX Feira de Artesanía de Ourense, que se celebra ata o 3 de maio

A Xunta salienta en Ourense a importancia da remuda xeracional no sector artesán para garantir o futuro dos oficios tradicionais

José González destaca o apoio autonómico a esta cita referente que este ano conta coa participación dunha ducia de obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia, especializados en coiro, xoiería, bixutería, complementos ou creación con papel

Louva a traxectoria da Asociación de Artesáns de Ourense e pon de manifesto a importancia da implicación das novas xeracións nesta edición, a través do concurso de ilustración do cartel da feira, con traballos de alumnado de primaria

Tamén na provincia, destaca o apoio da Xunta á Feira Galega de Artesáns en Ribadavia, que coincidirá coa 63ª Feira do Viño do Ribeiro, do 1 ao 3 de maio, e na que estarán presentes 16 obradoiros de Artesanía de Galicia

Enmarca estas citas no compromiso da Xunta coa dinamización do sector artesanal e co impulso do comercio de proximidade, subliñando que a artesanía é unha peza clave no desenvolvemento económico e social do territorio

Dentro do Plan estratéxico do comercio 2025-2030, o conselleiro salienta medidas específicas para a recuperación dos oficios tradicionais, como as bolsas de aprendices previstas para este ano por 1 M€ ou o programa ‘Artesanía na Escola’

Ourense, 25 de abril de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e da xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na inauguración da XXIX Feira de Artesanía de Ourense, organizada pola Asociación de Artesáns de Ourense (ADAO) e apoiada pola Xunta, que se desenvolverá ata o día 3 de maio no Parque de San Lázaro. Ademais o conselleiro tamén participou na entrega de premios das mellores ilustracións do cartel da feira deste ano, realizadas por nenos e nenas de primaria de colexios ourensáns.

Alí puxo en valor o papel da feira como cita consolidada no calendario cultural e comercial da provincia, así como o traballo desenvolvido pola ADAO ao longo de tres décadas agrupando e representando profesionais de distintos oficios artesanais. Destacou que esta iniciativa non só contribúe á posta en valor da artesanía galega, senón tamén á súa divulgación e á transmisión de coñecemento, favorecendo o contacto directo entre artesás e público e reforzando a percepción da artesanía como un produto de calidade, exclusivo e con valor engadido. González subliñou tamén a importancia da participación das novas xeracións nesta edición, a través do concurso de ilustración do cartel da feira, que contou con traballos de alumnado de primaria, poñendo de relevo a conexión entre tradición e futuro e a importancia da remuda xeracional no sector artesanal.

No marco da feira, Artesanía de Galicia conta cunha presenza destacada, cun total de 12 obradoiros procedentes das catro provincias galegas, especializados en diferentes disciplinas como o coiro, a xoiería, a bixutería, os complementos de moda ou a creación con papel. En concreto participan os obradoiros Antolín Piel (Vigo), Chueco A Coruña (A Coruña), Luciérnaga (Barbadás), Mestura de Kores (Vigo), Amorei (Soutomaior), Mario López (Vigo), Rosa Fraiz (Vilagarcía de Arousa), Silvereira (Ames), María Aba (Ourense), Paznavas (A Coruña), A Sariña maquinando (Lugo) e Joyas de papel (Nigrán). A estes súmanse tamén artesáns e artesás procedentes de Asturias e Cantabria, favorecendo o intercambio de experiencias e a creación de sinerxías no ámbito artesanal. A programación inclúe ademais unha ampla oferta de obradoiros e demostracións en vivo de distintos oficios, como a olería, o bordado, o vidro, a estampaxe, a elaboración de instrumentos musicais ou a construción de guitarra clásica, así como actividades participativas de pregado artístico en libro, co obxectivo de achegar a artesanía á cidadanía e fomentar o interese polos oficios tradicionais.

Compromiso coa artesanía

O conselleiro enmarcou esta cita no compromiso da Xunta coa dinamización do sector e co impulso do comercio de proximidade, subliñando que a artesanía é unha peza clave no desenvolvemento económico e social do territorio. Neste sentido, destacou o apoio a través da Fundación Artesanía de Galicia e o seu papel na promoción do sector e na consolidación da marca como garantía de calidade. Así mesmo, salientou a aposta da Xunta pola remuda xeracional e a formación en oficios tradicionais no marco do Plan estratéxico do comercio 2025-2030, con iniciativas como Aprender da tradición. Oficios e técnicas ou Artesanía na escola, así como novas liñas de apoio previstas para este ano para a incorporación de aprendices en obradoiros artesanais e que estará dotada con 1 M€.

Feira Galega de Artesáns en Ribadavia

Tamén na provincia de Ourense, o conselleiro puxo en valor outras iniciativas que se celebran en vindeiras datas como a Feira Galega de Artesáns en Ribadavia, enmarcada na colaboración autonómica coa Asociación Galega de Artesáns (AGA) e que coincidirá coa 63ª Feira do Viño do Ribeiro, do 1 ao 3 de maio. Contará con 16 expositores de Artesanía de Galicia: Troula Instrumentos (Ribadavia), Moura (Maceda), Enxógate (Quiroga), María Monsalve (Monterroso), Dona Formiguiña (A Estrada), Roberto Buchanan (Poio), Montse Betanzos (O Grove), Zimzelatum (Gondomar), Ana Belén Jarrín (Oia), Liño e Lá (Gondomar), Silvereira (Ames), Hana no Boshi (Pontedeume), Jorge Eiroa (Culleredo), El Taller Muy Secreto (A Coruña), Marearte (Lalín) e Vacatola (Ferrol). A maiores, organizaranse diversos obradoiros, cursos na Casa da Artesanía de Galicia e un evento efémero no que participan Coiro Tres Pes (Pontevedra), Pal.lium (Cangas) e Susana Anta (A Coruña), todo dentro do proxecto de dinamización comercial Vilas Vivas que arrancou neste consello de xeito piloto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/04/2026