Medio Rural salienta o papel dos viveiros públicos na conservación e mantemento dos recursos forestais
A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, visitou esta mesma semana as instalacións de viveiro da Falmega, situado no concello de Oroso
Oroso (A Coruña), 25 de abril de 2026
A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, visitou esta mesma semana o viveiro de titularidade pública da Falmega, situado no concello de Oroso, onde salientou o papel que realizan este tipo de instalacións na conservación e mantemento dos recursos forestais.
Este viveiro, un dos oito públicos cos que conta a Consellería do Medio Rural, está dedicado ao manexo de materias forestais de coníferas e ao cultivo de hortas de sementes de Pinus radiata e Pinus pinaster, así como de frondosas autóctonas e coníferas de especial interese con novas liñas de cultivo. Desde o ano 2019 estase a desenvolver un proceso de modernización destas instalacións para seguir afondando neste labor.
Cómpre salientar que, este ano, repartíronse entre centros educativos, asociacións e concellos, entre outros, preto de 20.000 frondosas autóctonas cultivadas nos viveiros forestais de titularidade pública con motivo da conmemoración do Día mundial dos bosques.