Alumnado do Centro de Formación e Experimentación Agraria Pedro Murias da Xunta participa nunha actividade sobre prevención e extinción de incendios
A xornada dirixiuse a estudantes dos ciclos medios de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural e o de Produción Agroecolóxica, e estivo impartida por integrantes da asociación Lugomadera
Os alumnos formáronse en cuestións como a natureza e o tipo de lumes, o comportamento dos mesmos, ou as ferramentas e maquinaria empregada na extinción e recibiron unha sesión práctica sobre o uso das Bocas de Incendio Equipadas
Santiago de Compostela, 26 de abril de 2026
Alumnado do Centro de Formación e Experimentación Agraria Pedro Murias de Ribadeo, adscrito á Consellería do Medio Rural, participou esta semana nunha actividade sobre prevención e extinción de incendios forestais. En concreto, a xornada dirixiuse a estudantes dos ciclos medios de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural e o de Produción Agroecolóxica, e estivo impartida por integrantes da asociación Lugomadera.
Ao longo do día, os alumnos abordaron temas como a natureza e o tipo de lumes; os factores que condicionan un incendio forestal e a clasificación dos mesmos; o seu comportamento no medio forestal e as formas de propagación; as ferramentas e maquinaria empregada na extinción de incendios; as tácticas coa diferenciación sobre ataque directo e indirecto; así como os riscos comúns e emprego dos equipos de protección individual.
A maiores, os estudantes tamén recibiron formación sobre medidas de prevención de incendios e educación ambiental. A xornada concluíu cunha práctica consistente en como actuar en caso de iniciarse un conato de incendio no interior do centro, concretamente sobre o uso das Bocas de Incendio Equipadas (BIES).