A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, deu conta hoxe desta nova actuación tras asinar co alcalde, Telmo Martín, a concesión dun préstamo do Fondo de Cooperación da Xunta por 3,5M€ para a adquisición dos terreos
A Xunta abordará en Sanxenxo un novo Proxecto de Interese Autonómico para desenvolver solo onde construír 350 vivendas, a maioría protexidas
O ámbito onde se desenvolverá o PIA sitúase na parroquia de Vilalonga e o Concello adquirirá o solo, que logo porá a disposición da Xunta para a delimitación e tramitación do proxecto
Utilizarase a figura do Proxecto de Interese Autonómico para axilizar prazos no desenvolvemento deste solo
Allegue destaca a colaboración en materia de vivenda co Concello, onde ademais deste PIA, a Xunta ten en marcha 65 vivendas de promoción pública nos solos en Noalla e Sanxenxo que cede gratuitamente a Administración local
A Xunta ten aberto ata o 15 de outubro o prazo para que os concellos poidan realizar solicitudes para o Fondo de Cooperación destinado á promoción de vivenda protexida, ao que se destina neste ano 8,6M€
Sanxenxo (Pontevedra), 28 de abril de 2026
A Xunta abordará en Sanxenxo un novo Proxecto de Interese Autonómico (PIA) para desenvolver un solo na parroquia de Vilalonga onde se poderán construír 350 vivendas, a maioría protexidas. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, deu conta hoxe desta nova actuación tras asinar co alcalde, Telmo Martín, a concesión dun préstamo do Fondo de Cooperación da Xunta por importe de 3,5M€, co que o Concello procederá á adquisición destes terreos.
Así, a través deste préstamo sen xuros do Fondo de Cooperación da Xunta destinado á promoción de vivenda protexida, o Concello de Sanxenxo mercará estes terreos, que na súa maior parte son propiedade da Sareb. Posteriormente, cederá a titularidade á Xunta para que a Administración autonómica tramite o novo PIA, que fai o número 14 dos que a Xunta está a desenvolver na comunidade no marco da Estratexia Galega de Solo Residencial.
A conselleira destacou a colaboración do Concello en materia de vivenda, despois dos acordos acadados para a cesión de solos en Noalla e Sanxenxo para a construción por parte da Xunta dun total de 65 vivendas de promoción pública. Medidas que buscan, como agora o desenvolvemento deste solo, garantir o acceso da cidadanía á vivenda e tendo en conta que, como incidiu Allegue, “en Sanxenxo é complicado atopar unha vivenda que sexa residencia habitual e permanente”.
Agora, esta nova cooperación para desenvolver solo residencial xurde tras conversas co Concello e unha vez analizada a viabilidade urbanística deste ámbito. Abordarase a actuación a través da figura do PIA para gañar axilidade na promoción destas vivendas. En concreto, o ámbito sitúase en Vilalonga, próximo a Dena (no Concello de Meaño), á ría de Arousa e á infraestruturas como a autovía do Salnés, nunha contorna urbana consolidada.
Allegue explicou que, unha vez materializada a cesión do solo por parte do Concello, a Xunta comezará, canto antes, a tramitación da delimitación e a licitación da redacción do proxecto deste PIA, que supón “outro paso adiante para construír vivenda protexida en Sanxenxo”.
Máis vivenda
Hai que lembrar que a Xunta ten licitada a redacción do proxecto e das obras de 25 vivendas de promoción pública en Noalla, nunha parcela cedida polo Concello. O prazo de presentación de ofertas remata mañá, 29 de abril. E tamén acordou co Concello a cesión doutra parcela na rúa das Cunchas, onde se prevén construír 40 vivendas de promoción pública, que se destinarán ao alugueiro a menores de 36 anos.
Fondos de cooperación
A Xunta ten aberto ata o 15 de outubro o prazo para que os concellos presenten solicitudes para o Fondo de Cooperación para promoción de vivenda protexida, unha iniciativa que a Administración autonómica puxo en marcha o pasado ano, e que neste 2026 incrementa ata os 8,6M€ o orzamento. Tamén está aberto ata a mesma data o outro Fondo de Cooperación destinado aos concellos, para actuacións de rehabilitación do patrimonio construído e dotado con 3M€.