A Xunta lanza unha nova edición do Retorna Cualifica Emprego coa que promoverá o retorno con traballo de 200 persoas galegas do exterior

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de 2026 do Retorna Cualifica Emprego, enmarcado na Estratexia Galicia Retorna e que favorece o regreso de galegos e galegas da diáspora e a cobertura de vacantes por parte de empresas

Este programa xa permitiu que 400 galegos e galegas cunha idade media de 35 anos voltaran desde 21 países diferentes, acompañados moitos deles por familiares —en total, outras 160 persoas—, e que traballan en 60 concellos de toda Galicia

Inclúe a oferta da formación necesaria ás persoas seleccionadas para a cualificación profesional precisa no posto de traballo que ocuparán así como apoios para facilitar a súa instalación en Galicia, entre eles os destinados ao alugueiro de vivenda

Como novidade, refórzase o período de prospección e acompañamento para obter resultados axustados a cada territorio, detectando as necesidades de man de obra e afinando a selección en orixe das persoas interesadas nas vacantes ofertadas

As entidades interesadas na xestión do programa poderán presentar as solicitudes desde o 12 de maio ata o 30 de xuño

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria deste ano do programa Retorna Cualifica Emprego coa que se procurará que 200 persoas galegas residentes no estranxeiro poidan regresar a Galicia a desenvolver a súa vida e traxectoria profesional. A ela o Goberno galego destina 2,3 M€ —a distribuír nas anualidades 2026 e 2027— e deste xeito avala a andaina desta iniciativa, que nas súas dúas edicións anteriores permitiu o retorno de preto de 400 galegos procedentes de 21 países e acompañados moitos deles pola súa familia. En total, retornaron con máis de 160 persoas acompañantes e en 60 concellos hai empresas con traballadores retornados a través deste programa, o que evidencia a súa dimensión social e de integración.

En concreto, este programa enmarcado na Estratexia Galicia Retorna e no modelo propio da comunidade para atraer talento dun xeito ordenado e planificado, está destinado ás persoas galegas que emigraron ou aos seus descendentes e que sexan menores de 55 anos favorecéndolle a volta á Comunidade galega con traballos ofertados en orixe da man das empresas que poderán ofertar as súas vacantes no portal do programa. Para iso, inclúe a oferta da formación necesaria ás persoas seleccionadas para a cualificación profesional precisa no posto de traballo que van ocupar, así como apoios para facilitar a súa instalación en Galicia. Entre eles os destinados ao alugueiro de vivenda, que se incorporaron na convocatoria do ano pasado.

Como novidade, destaca o aumento dos 11 aos 16 meses do período de prospección e selección, o que permitirá aos beneficiarios contar con máis tempo de acompañamento polas entidades que xestionen o programa e para recadar a documentación que precisen.

Con esta convocatoria regúlase a xestión do programa mediante a selección de entidades que reúnan os requisitos esixidos para desenvolver o programa. Búscanse resultados vinculados a cada territorio detectando as empresas que demanden man de obra e seleccionando persoas candidatas que respondan aos perfís que solicita o tecido empresarial. Isto acompáñase dunha atención integral que facilita a toma de decisións tanto ao tecido produtivo interesado en poder cubrir vacantes como ás persoas con vontade de aceptar esas ofertas. O prazo de presentación de solicitudes abrirá o 12 de maio e prolongarase ata o 30 de xuño.  

Máis detalles das edicións anteriores

Esta 3º edición do Retorna Cualifica Emprego súmase aos resultados das dúas anteriores. As preto de 400 persoas beneficiarias teñen unha idade media de 35 anos e entre os seus países de procedencia están Arxentina, Uruguai, Cuba, Venezuela, Brasil, Colombia, México, Reino Unido, Alemaña ou Suíza. As súas ocupacións abranguen sectores como a hostalaría, a industria e construción, o comercio e servizos ou o agrogandeiro. En concreto, en 2025 preto de 220 empresas ofertaron ou manifestaron o seu interese por cubrir vacantes, implicando deste xeito a máis de 90 concellos no seu conxunto.

Ligazón á orde:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260429/AnuncioG0767-210426-0002_gl.html

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/04/2026