A Xunta destaca en Chantada o valor da cestería de vimbio en ámbitos coma o interiorismo
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta mañá o segundo módulo do curso de perfeccionamento Laboratorio das fibras vexetais, impartido por Pau Trepat e Idoia Cuesta
Impulsado pola Fundación Artesanía de Galicia, enmárcase no programa formativo Aprender da tradición. Oficios e técnicas, destinado á transmisión de coñecementos para profesionalizar o sector e garantir a remuda xeracional
Chantada (Lugo), 29 de abril de 2026
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse esta mañá a San Cristovo de Mouricios (Chantada), onde se está a desenvolver o segundo módulo do curso de perfeccionamento Fibranzas. Laboratorio das fibras vexetais. Durante a súa visita, destacou as grandes posibilidades dos oficios artesanais e, en concreto, da cestería de vimbio para enriquecer proxectos de interiorismo.
O curso de perfeccionamento Fibranzas. Laboratorio das fibras vexetais está composto por cinco módulos de 216 horas de formación que se desenvolverán ata o mes de marzo de 2027. Profunda nas técnicas vinculadas á cestería e nas súas posibilidades no marco da artesanía contemporánea.
Este segundo módulo do curso está dedicado ás técnicas complementarias e ás estruturas e consta de dúas partes. A primeira delas, que se desenvolveu esta semana e remata hoxe, céntrase nas estruturas tecidas de vimbio para a súa aplicación en proxectos de interiorismo como paneis, biombos, tabiques ou separadores de espazos e está impartido por Pau Trepat e Idoia Cuesta. A segunda parte deste segundo módulo terá lugar no mes de xuño a cargo de Tomeu Perelló e estará centrada no encordado de cadeiras con enea e outras fibras vexetais.
Este curso de perfeccionamento é a continuación do curso Fibranzas. Laboratorio das fibras vexetais realizada durante oito meses no ano 2025 e que reflicte a forte aposta da Xunta pola posta en valor, recuperación, transmisión e reactivación da cestería como un dos oficios máis tradicionais de Galicia. Como no caso da edición do ano pasado, Fibranzas está impulsado pola Xunta no marco do seu programa formativo Aprender da Tradición. Oficios e técnicas, co gallo de transmitir coñecementos das técnicas da cestería tradicional para profesionalizar o sector e garantir a remuda xeracional.
Nesta edición vólvese contar coa colaboración do Espacio Vilaseco e Os Casares, e coa coordinación da recoñecida cesteira Idoia Cuesta (Outeiro de Rei), Premio Artesanía de Galicia 2021 e Premio Produto nos Premios Nacionais de Artesanía 2014.
Fibranzas é un programa de formación integral nos oficios vinculados á cestería, desde a produción das fibras ao deseño do produto final, pasando polas técnicas tradicionais e pola arte contemporánea. O alumnado deste curso de perfeccionamento está conformado por artesáns inscritos en Artesanía de Galicia dos ámbitos da cestería e do coiro, así como profesionais da arquitectura e da arte. A maioría destes alumnos e alumnas xa realizaron o curso desenvolvido en 2025.