Belén do Campo presenta na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas os preparativos de Galicia para converter o eclipse do mes de agosto nunha oportunidade histórica de proxección internacional
A delegada da Xunta participo una inauguración das xornadas divulgativas “Galicia, porta de entrada da eclipse” enmarcadas na estratexia de coordinación cos destinos Starlight galegos
Abegondo (A Coruña), 30 de abril de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto co presidente da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas, José Antonio Santiso e o presidente do cluster de turismo, Cesáreo Pardal, destacou hoxe a aposta do Goberno galego por anticiparse e traballar desde xa para que a eclipse solar total do vindeiro 12 de agosto de 2026 se converta “nun éxito colectivo e nunha oportunidade histórica para o desenvolvemento turístico, científico e económico de Galicia”.
Durante a inauguración das xornadas divulgativas Galicia, porta de entrada da eclipse, celebradas na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas, Belén Do Campo subliñou que Galicia “vai situarse literalmente baixo a mirada do mundo” nunha data na que terá lugar “un fenómeno astronómico extraordinariamente infrecuente, que non acontecía na Península desde hai máis de cen anos e que non volverá repetirse con estas características ata dentro de moitísimas décadas”.
A representante do Goberno autonómico explicou que, pola súa situación xeográfica e pola amplitude da franxa de totalidade, Galicia converterase nun dos mellores lugares do planeta para contemplar este acontecemento, o que abre unha oportunidade única para reforzar a súa posición como destino internacional de astroturismo e turismo sostible.
Neste sentido, lembrou que a Xunta de Galicia puxo en marcha a comezos deste ano unha comisión interdepartamental específica de preparación e coordinación da eclipse, na que participan as consellerías de Presidencia, Xustiza e Deportes; Medio Ambiente e Cambio Climático; Sanidade; Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; así como Turismo de Galicia.
Segundo sinalou, este órgano de traballo nace cunha folla de ruta centrada en garantir unha observación segura e ordenada, anticipar actuacións en materia de mobilidade, prevención de riscos, seguridade e protección civil, impulsar a divulgación científica e aproveitar todo o potencial turístico e de proxección internacional asociado ao fenómeno.
Belén do Campo lembrou que a Xunta tamén activou unha nova páxina web que busca ser unha fiestra "única" a través da que a Xunta poida ir ofrecendo á cidadanía información sobre a eclipse, así como as decisións que se vaian tomando en distintas materias na comisión de coordinación constituída entre os distintos departamentos do Executivo autonómico
O espazo, aloxado na web corporativa da Xunta de Galicia, permite acceder a un mapa interactivo de Galicia no que se poden consultar os datos referidos á eclipse en cada concello de Galicia, desde as características do fenómeno en función do lugar de observación (se é total ou parcial), hora de inicio e de finalización, predición meteorolóxica con información de Meteogalicia, etc.
Ademais, ofrece consellos prácticos orientados ás persoas interesadas na observación da eclipse, desde como protexer os ollos ás características que deben reunir as lentes de protección específicas, que deben estar homologadas e só se poderán utilizar se se atopan en bo estado.
Tamén enlaza con outros contidos específicos elaborados pola Xunta en relación coa eclipse, como os recursos habilitados pola Axencia de Turismo de Galicia con información en diferentes idiomas
Ocupación turística por riba do 90%
Belén do Campo incidiu en que as previsións iniciais coas que xa se traballa apuntan a niveis de ocupación turística superiores ao 90% e incluso ao 95% durante a primeira quincena de agosto de 2026, cun importante incremento de visitantes internacionais atraídos especificamente pola eclipse.
“Non estamos ante unha simple curiosidade astronómica, senón ante un evento con capacidade real para atraer milleiros de persoas, xerar actividade económica, dinamizar o sector turístico e posicionar Galicia no mapa mundial do astroturismo”, remarcou.
Por este motivo, destacou como “fundamental” a implicación desde o primeiro momento dos nove destinos Starlight galegos, entre eles o da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas, espazos que contan cun ceo privilexiado e cunha consolidada traxectoria de protección do firmamento nocturno, sensibilización ambiental e creación de produto turístico ligado á observación astronómica. Dos 9, en 6 veráse un eclipse total e en 3 parcial.
Un legado máis alá de agosto de 2026
Belén do Campo concluíu sinalando que, aínda que a eclipse durará apenas uns minutos, o seu impacto pode ser moito máis amplo se Galicia é quen de convertela nun elemento tractor para consolidarse como destino de natureza, coñecemento e experiencias sostibles.
Neste contexto, puxo como exemplo o labor dos destinos Starlight, “que están demostrando que o turismo do futuro non pasa por facer máis ruído, senón por ofrecer mellores experiencias: auténticas, ligadas ao territorio e capaces de unir ciencia, paisaxe, patrimonio e emoción”.
Finalmente, felicitou a todas as persoas implicadas nesta iniciativa, aos responsables do destino Starlight Mariñas Coruñesas e ao sector turístico local por entender que “isto non vai só de mirar ao ceo, senón de saber mirar ao futuro e preparar Galicia para estar á altura dunha oportunidade irrepetible”.
Mariñas Coruñesas, símbolo e porta de entrada
Na súa intervención, Do Campo puxo en valor o papel da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas como “símbolo e auténtica porta de entrada” desta estratexia, ao acoller unhas xornadas que definiu non só como un foro divulgativo, senón tamén como un espazo de preparación, formación, coordinación co sector e toma de conciencia colectiva.
“Estamos construíndo unha estratexia integral baseada na promoción, na información, na seguridade, na coordinación institucional e na implicación do territorio”, afirmou.