María José Gómez reafirma na 63ª Feira do Viño do Ribeiro o compromiso da Xunta co sector vitivinícola

A conselleira do Medio Rural puxo en valor as diferentes liñas de axudas a este eido, entre elas as dos consellos reguladores, para mellorar o control, a promoción e a garantía da calidade que distingue o viño galego

Destacou a ampla tradición do Ribeiro, que constitúe ademais unha “realidade viva”, con 29 adegas nesta feira e con colleiteiros e viticultores que levan anos facendo un produto de excelencia

Ribadavia (Ourense), 1 de maio de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reafirmou hoxe o compromiso de apoio por parte da Xunta ao sector vitivinícola galego a través de diferentes liñas de axuda, entre elas as dos consellos reguladores, para mellorar o control, a promoción e a garantía da calidade. Foi na inauguración da 63ª edición da Feira do Viño do Ribeiro, na que estivo acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; e a directora-xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez.

A conselleira subliñou a calidade como elemento diferencial do viño galego, unha característica que situou dentro dos significados da Galicia Calidade e que, engadiu, significa que “aquí as cousas se fan ben e con respecto polo que somos”. “Detrás de cada botella hai moito máis ca viño; hai territorio, hai economía, hai rural”, remarcou.

Centrándose no Ribeiro, a titular de Medio Rural sinalou que Ribadavia é o corazón dunha comarca que non se entende sen o viño, posto que entre os vales do Miño, o Avia e o Arnoia “o que vemos non só é paisaxe: é traballo, historia e futuro”. Sobre a denominación de orixe, lembrou que é a máis antiga de Galicia, pero advertiu que “non é unha peza de museo”, senón que constitúe unha “realidade viva”, con 29 adegas nesta feira e con colleiteiros e viticultores que levan anos facendo viño de calidade.

Con respecto a esta feira, a conselleira remarcou que é “unha boa mostra de como se pode evolucionar sen perder a esencia”, xa que nela, ademais de viño, hai gastronomía, música, artesanía e este ano tamén se dá un paso importante para a inclusión, con servizos de lingua de signos. Por todo iso, concluíu Gómez, “esta é unha festa para todos”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/05/2026