María José Gómez destaca os traballos realizados ao abeiro do Plan Camiña Rural en Foz, cun orzamento de preto de 63.000 euros na convocatoria 2025-2026

A conselleira do Medio Rural definiu estas infraestruturas como “estratéxicas” na dinamización social e económica do agro, ao tempo que contribúen a vertebrar o territorio

Todos os concellos galegos poden ser beneficiarios deste Plan e con el se subvenciónanse a ampliación e a mellora de camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou varias entidades de poboación

Ao abeiro desta liña de achegas, que se convoca anualmente, a Consellería destinou preto de 156 millóns de euros desde 2016, que permitiron actuar en case 6.700 camiños cunha lonxitude total de 5.200 quilómetros

Foz (Lugo), 2 de maio de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou hoxe o municipio lucense de Foz, para poñer en valor os traballos realizados ao abeiro do Plan Camiña Rural neste municipio, que contaron cun investimento de algo máis de 63.000 euros na convocatoria 2025-2026.

María José Gómez explicou que, ademais do camiño de Malates visitado hoxe, o orzamento permitiu actuar noutras tres vías máis. Neste sentido, definiu estas infraestruturas como “estratéxicas” na dinamización social e económica do agro galego, ao tempo que contribúen a verterbrar o territorio, ademais de facilitar a saída dos produtos agroalimentarios que se producen nestas zonas.

Segundo sinalou a titular de Medio Rural, todos os concellos galegos poden ser beneficiarios do Plan Camiña Rural. A través del subvenciónanse a ampliación e a mellora de camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou varias entidades de poboación. Seguindo esta liña, enténdese por ampliación todas aquelas intervencións que incidan na mellora da seguridade viaria, que permitan o cruce de vehículos ou alargamentos necesarios en zonas de curva, de baixa visibilidade ou entroncamentos. Por outra banda, as melloras fan referencia ao reforzo do firme existente, das cunetas; así como a actuacións en drenaxes ou a adecuación de obras de paso de cursos fluviais.

A maiores do investimento de 2025-2026, a última convocatoria correspóndese ás anualidades 2026-2027, e conta cun orzamento de preto de 19 millóns de euros, dos cales o concello de Foz ten asignados algo máis de 61.000 euros.

156 millóns de euros mobilizados desde 2016

Ao abeiro das achegas do Plan Camiña Rural, que se convoca anualmente, a Consellería destinou preto de 156 millóns de euros para reparar os camiños de localidades de toda Galicia desde 2016. Tendo en conta tamén os traballos da convocatoria pasada, actuouse xa en case 6.700 camiños cunha lonxitude de 5.200 quilómetros. María José Gómez asegurou que o Goberno autonómico seguirá a apostar pola colaboración institucional e por apoiar aos concellos na mellora das súas infraestruturas rurais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/05/2026