O delegado territorial supervisa o estado das obras da rúa Progreso na cidade de Ourense
Manuel Pardo enmarcou estes traballos no proxecto para a mellora de 13 travesías urbanas de titularidade autonómica, nas que a Xunta vai investir máis de 2,8 millóns de euros
O delegado territorial explicou que neste plan de mellora de infraestruturas da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas están incluídas as rúas Río Arnoia, Progreso, Emilia Pardo Bazán, parte da rúa Velázquez, Bispo Lorenzo, A Coruña, Peña Trevinca (na parte autonómica), estrada do Seminario, Sáenz Díez, avenida Bos Aires, Isaac Piñeiro Varela e Pena do Vado, avenida de Ponferrada e avenida de Zamora
As accións nestas vías consistirán especialmente no firme da calzada e tamén nas beirarrúas, que poden ser complementadas con pequenas melloras na drenaxe, na sinalización e no balizamento
Ourense, 4 de maio de 2026
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá, acompañado de técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas, a rúa Progreso para supervisar o estado das obras de reforma, dentro do proxecto para a mellora de 13 travesías urbanas de titularidade autonómica, nas que a Xunta está a investir máis de 2,8 millóns de euros.
Durante a súa visita, o delegado territorial salientou que as actuacións proxectadas inclúen obras de reparación, rehabilitación e reforzo dos firmes e pavimentos integrantes do dominio público autonómico, tanto das beirarrúas como das calzadas, complementadas coa renovación completa da sinalización horizontal e outras pequenas melloras complementarias, de forma que se reforce a seguridade viaria e a accesibilidade.
Así, Manuel Pardo explicou que na rúa Progreso estase a actuar nas beirarrúas coa mellora da accesibilidade, colocando baldosas podotáctiles nos pasos de peóns, realizando operacións puntuais substituíndo plaquetas soltas ou rotas e bordos deteriorados. Tamén se renovou completamente o tramo de beirarrúa entre o cruce con Marcelo Macías e a rúa Domingo Fontán. Igualmente estanse a levar a cabo actuacións de mellora no illote do cruce da rúa Lugo con Progreso, e a ampliación das beirarrúas no entorno do cruce coa rúa Reza.
Os traballos tamén se están a desenvolver na adecuación das beirarrúas no entorno do paso de peóns posterior á rúa Cruz Vermella xa que se contempla a construción dun paso elevado.
Ao tempo está previsto elevar os pasos de peóns dos cruce coa rúa Alexandro Outeiriño e o paso de peóns existentes despois da rúa Concordia.
Precisou o delegado territorial que ata o momento xa se executou a accesibilidade e mellora das beirarrúas nas rúas Emilia Pardo Bazán, Peña Trevinca e rúa Coruña. Na estrada do Seminario levantouse o muro da marxe esquerda e a colocación dos novos colectores de pluviais , saneamento e abastecemento .
Neste contexto, Manuel Pardo indicou que tralo remate das obras da rúa Progreso, os traballos continuarán nas beirarrúas da avenida de Zamora, no selado do firme da rúa Emilia Pardo Bazán para preparalo para o aglomerado. No mes de maio tamén está previsto o asfaltado nas rúas Emilia Pardo Bazán, Peña Trevinca (no treito autonómico), avenida da Coruña e avenida de Ponferrada.
Intervencións nas estradas autonómicas na cidade de Ourense
Manuel Pardo lembrou que dentro deste plan de mellora de infraestruturas da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, están incluídas as rúas Río Arnoia, Progreso, Emilia Pardo Bazán, parte da rúa Velázquez, Bispo Lorenzo, Coruña, Peña Trevinca, Seminario, Sáenz Díez, avenida Bos Aires, Isaac Piñeiro Varela e Pena do Vado, avenida de Ponferrada e Avenida de Zamora.
E remarcou a importancia das redes viarias autonómicas para acadar a vertebración territorial, de modo complementario coa rede estatal. Neste sentido, sinalou que o Goberno galego segue traballando para aumentar e mellorar esta rede, asegurando unha axeitada conservación e preparándoa para eventos climáticos extremos.
O delegado territorial rematou poñendo en valor a aposta da Xunta pola conservación das estradas da rede viaria autonómica, ás que este 2025 destinou 68 millóns de euros, entre as que se atopan os viarios urbanos, co fin de mantelas nas mellores condicións e facelas máis cómodas, seguras e accesibles.