A Xunta realiza labores de conservación fluvial en preto de cinco quilómetros de varios ríos en Cedeira

As tarefas que realiza Augas de Galicia prolongaranse durante máis de sete semanas e inclúen a retirada de árbores caídas das canles fluviais para evitar atoamentos

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2026

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e mantemento fluvial en varios tramos de distintos ríos, que suman preto de cinco quilómetros, no concello coruñés de Cedeira.

As tarefas, que xa foron comunicadas ao concello, desenvólvense en dous tramos do río Condomiñas, que suman 1,7 quilómetros, ao seu paso polas parroquias de Santa María do Mar de Cedeira e Santa María de Régoa, nun tramo do río Pontigas de máis de 1,7 quilómetros nas parroquias de Santa María de Régoa e Santa María de Piñeiro, e un tramo de 1,3 quilómetros do río da Veiga, ao seu paso polas parroquias de Santa María de Piñeiro e Santa María do Mar de Cedeira.

Os traballos, que se prolongarán durante máis de sete semanas, consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos e tamén rozas puntuais e selectivas nos accesos á canle e a retirada de especies exóticas invasoras (EEI). As actuacións realizaranse coa aplicación de motoserras, rozadoiras e outras ferramentas manuais, que contarán co apoio de maquinaria de maiores dimensións como un tractor.

Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo hidráulico dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento de zonas catalogadas como de alto risco potencial significativo de inundación (Arpsi).

O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/05/2026