A Xunta licita por un importe de máis de 216.000 euros a obra de reforma para a unidade de reprodución humana asistida

As empresas interesadas nesta contratación teñen de prazo ata o 26 de maio para presentar as súas ofertas

A reforma formulada, que afecta a unha área de 320 metros cadrados, ocupa o sector central norte da planta baixa do Hospital Teresa Herrera e realizarase en varias fases consecutivas

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2026

A Consellería de Sanidade vén de publicar no Portal de Contratos de Galicia a obra de reforma no baixo andar do Hospital Teresa Herrera, pertencente ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, para a unidade de reprodución humana asistida, por un importe 216.971 euros e un período de execución de tres meses.

As empresas interesadas nesta contratación teñen de prazo ata o 26 de maio para presentar as súas ofertas.

Compre remarcar que, no mes de novembro de 2024, aprobouse o Plan Galego de Reprodución Humana Asistida, que ten por obxectivo a mellora das prestacións recollidas na carteira de servizos do Sergas, así como a introdución de novas prestacións. Todo isto supón una reorganización dos espazos físicos de servizo para dar cabida á ampliación de consultas médicas e de enfermería, o que repercutirá na percepción de mellora da calidade nas usuarias.

Sinalar, así mesmo, que a ampliación da carteira de servizos da unidade acompañouse da reestruturación da mesma na busca de simplificar un proceso complexo de asistencia acurtando tempos de espera das pacientes. 

A reforma formulada, que afecta a unha área de 320 metros cadrados, ocupa o sector central norte da planta baixa do hospital Teresa Herrera e realizarase en varias fases consecutivas, considerando que o espazo que se reformará está ocupado parcialmente polas consultas de histeroscopia, sendo necesario crear novas consultas para o seu traslado. 

Data de actualización: 04/05/2026