A Xunta emite declaración de impacto ambiental favorable con condicións sobre o proxecto do parque eólico Carboal, no concello de Dumbría
A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a instalación teña impactos significativos sobre a contorna sempre que se cumpran os condicionantes fixados no propio informe autonómico e na documentación avaliada
A iniciativa promovida por EDP Renovables España ten por obxecto a execución dun parque eólico de 14,4 megavatios de potencia composto por dous aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada así como a liña de evacuación da enerxía producida
Unha vez ditada a DIA, o promotor terá que obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto
Santiago de Compostela, 5 de maio de 2026
A Xunta ditou declaración de impacto ambiental (DIA) favorable con relación ao proxecto do parque eólico Carboal, no concello de Dumbría, condicionada, en todo caso, a que se cumpran tanto o recollido no estudo de impacto ambiental e no resto da documentación avaliada como os condicionantes e o programa de vixilancia que figuran ao longo do propio documento.
Así consta na resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia que conclúe que, tendo en conta todo o anterior, esta iniciativa empresarial, promovida pola sociedade EDP Renovables España, SLU, é ambientalmente viable.
Cómpre lembrar que a DIA foi elaborada no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria do proxecto, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, cun resultado de 18 organismos públicos e entidades consultados e a presentación de varias alegacións.
Froito das consultas realizadas, os informes emitidos recolleron a valoración correspondente, establecendo unha serie de condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que figura na resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Neste sentido, os organismos consultados consideran que non é previsible que o proxecto poida causar impactos ambientais significativos nos distintos eidos analizados e que, por tanto, sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certas condicións establecidas nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, das augas e leitos fluviais, do solo e as infraestruturas, da fauna, a vexetación e os hábitats naturais, a xestión de residuos e a integración e restauración paisaxísticas.
Unha vez emitida esta declaración, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo —a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático— e dáselle publicidade mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia e a través da páxina web da Consellería.
O proxecto está promovido por EDP Renovables España e ten por obxecto na instalación e explotación dun parque eólico de 14,4 megavatios (MW) de potencia total no termo municipal de Dumbría, constituído por dous aeroxeradores de 7,2 MW de potencia nominal unitaria e a súa infraestrutura asociada, que inclúe vieiros de acceso e servizo (algúns de nova creación e outros existentes pero que haberá que acondicionar), e gabias para o sistema de cables.
Ademais, a evacuación da enerxía producida realizarase a través da rede de cables interno que discorrerá soterrada dende cada aeroxerador ata a subestación eléctrica transformadora SET Paxareiras II (que non é obxecto deste proxecto).
A superficie de ocupación por parte das plataformas dos dous aeroxeradores será duns 14.677 m2 aproximadamente fronte aos 82.219 m2 que ocuparán os distintos elementos que conforman o conxunto da instalación.
Importancia da declaración de impacto ambiental
Cómpre lembrar que o obxectivo dunha DIA é avaliar a integración dos aspectos ambientais de cada proxecto e determinar as condicións que deben establecerse para a adecuada protección do territorio e dos recursos naturais tanto durante a execución e explotación como no cese ou desmantelamento das distintas iniciativas.
De feito, calquera proxecto industrial ten un impacto no territorio, pero os seus efectos non poden ser significativos, polo que a DIA é o instrumento encargado de determinar como e de que xeito se poden minimizar, compensar ou mesmo restaurar as zonas afectadas pola súa posta en marcha e durante o seu funcionamento futuro.
Estamos ante un trámite do máis exixente como demostra o feito de que a maioría das declaracións ambientais favorables emitidas pola Xunta inclúen condicionantes xerais e particulares así como un plan de vixilancia que é de aplicación ao proxecto e cuxo seguimento corresponde ao órgano substantivo.