A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, compareceu hoxe a petición propia no Pleno da Cámara
A Xunta dá un paso decisivo na política mineira e saca a concurso a explotación de materiais críticos para a industria europea coa obriga de que as empresas presenten un plan social
Lorenzana anuncia que se van incluír dereitos mineiros sobre os que hai probada existencia do recurso, polo que será posible solicitar directamente a concesión de explotación das minas de Corcoesto, San Finx e Santa Comba para a obtención de ouro, volframio e estaño
Estas explotacións poderían chegar a poñer en valor recursos naturais por un valor próximo aos 7.000 M€, coa mobilización de 200 M€ de investimento directo e a creación de máis de 250 empregos directos e 750 indirectos
Os permisos de investigación, máis dun cento, serán de materias primas clásicas como o caolín, a arxila, o cuarzo, os feldespatos e o granito; e de minerais críticos como o litio, o niobio ou o tantalio, na zona de Beariz e Beade; ou o cobre, na zona de Becerreá, nunha aposta por converter Galicia nun referente en minería metálica
Aos promotores exixiráselles que incorporen plans sociais punteiros que sexan financiados cunha porcentaxe dos beneficios e que estarán deseñados pola propia cidadanía en cada comarca
Serán determinantes na valoración das ofertas, no outorgamento dos dereitos mineiros, no seguimento da execución e na avaliación final. “Sen un plan social á altura, non haberá proxecto”, subliña
Avanza que a Xunta xa está a traballar na elaboración do novo Plan Sectorial Eólico; concretamente, no mapa de afeccións e outro de recurso eólico
Destaca que, de aquí a 2030, vaise actuar sobre preto de 12 millóns de metros cadrados de solo industrial en toda Galicia, cun investimento de máis de 44 M€
Santiago de Compostela, 5 de maio de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que o Goberno galego vai dar un paso decisivo na política mineira de Galicia porque nas vindeiras semanas sacará a concurso os dereitos de explotación de minerais críticos para a industria europea coa obriga de que as empresas promotoras presenten un plan social.
Lorenzana compareceu hoxe a petición propia no Pleno do Parlamento, onde explicou que este será o segundo concurso mineiro da lexislatura que, como unha das novidades, vai incluír dereitos mineiros sobre os que hai probada existencia do recurso. Deste xeito, permitirá solicitar directamente a concesión de explotación de minas de volframio, estaño e ouro na provincia da Coruña, minerais de referencia para os sectores da defensa, a automoción e o aerospazo.
Incluiranse, así, os dereitos de explotación da mina de Corcoesto (tres dereitos mineiros) en Cabana de Bergantiños, Ponteceso e Coristanco, para ouro e ferro; da Mina San Finx, en Lousame, para volframio e estaño; e da mina de Santa Comba, que abrangue, tamén, os concellos de Coristanco e Cabana de Bergantiños, para volframio. Unhas explotacións que poderían chegar a poñer en valor recursos naturais por un valor próximo aos 7.000 millóns de euros, coa mobilización de 200 millóns de investimento directo e a creación de máis de 250 empregos directos e 750 indirectos.
Cómpre salientar que Galicia posúe 18 dos 34 materiais considerados críticos pola Unión Europea, o que sitúa a Comunidade “nunha posición de oportunidade que non se pode ignorar; unha realidade e que conecta directamente co futuro do noso tecido produtivo, do territorio e da poboación”, aseverou.
Complementariamente, o concurso incluirá tamén máis de cen dereitos mineiros nas catro provincias para permisos de investigación. Serán de materias primas clásicas como o caolín, a arxila, o cuarzo, os feldespatos e o granito, as verdadeiras responsables de que Galicia sexa a segunda comunidade autónoma en emprego mineiro, lembrou. Pero tamén de materias primas críticas como o litio, o niobio ou o tantalio, na zona de Beariz e Beade; ou o cobre, na zona de Becerreá, nunha aposta por converter a Comunidade nun referente en minería metálica.
Exixencia de plans sociais
Xunto con isto, a conselleira avanzou como outra das novidades que aos promotores exixiráselles que incorporen plans sociais punteiros que sexan financiados cunha porcentaxe dos beneficios dos proxectos. Irán adaptados á realidade social de cada concello e destinados, directamente á cidadanía, porque non hai dúas comarcas iguais, dixo. E estarán deseñados a medida da man dos cidadáns, que son os que mellor coñecen as súas necesidades e os que deben marcar as prioridades.
Segundo precisou, serán plans que incluirán vantaxes para a mocidade, para que poida formarse, estudar idiomas, retornar e construír un proxecto de vida na súa terra; que apoien os maiores; que actúen sobre o tecido económico do territorio, para diversificar, atraer talento e crear actividade máis alá da propia mina e, sobre todo, plans concibidos desde o primeiro momento pensando no escenario posterior ao cesamento da actividade, porque “unha mina ten unha vida útil finita, pero hai vida tras a mina”, remarcou.
“O plan social non é un anexo do proxecto industrial, é unha peza angular do proceso de decisión da Xunta en todas as súas fases. Será determinante: na valoración das ofertas, no outorgamento dos dereitos mineiros, no seguimento da execución e na avaliación final. Sen un plan social á altura, non haberá proxecto”, aseverou. “Galicia quere unha minería moderna, sostible e estratéxica para Europa, pero quere, sobre todo, unha minería que se note, para ben, na vida da xente”, abondou.
“Esa é a garantía que a lei dá hoxe aos galegos; esa é a garantía que esta Xunta vai facer cumprir; e esa é, precisamente, a diferenza entre unha política industrial pasiva e unha política industrial activa”, asegurou, para concluíu: “Non pode haber unha negativa sistemática que ignore a situación na que nos atopamos. Renunciar a desenvolver recursos propios implica depender doutros territorios que non necesariamente aplican os mesmos estándares ambientais nin sociais. E iso, é o que nos permite falar dun modelo propio, responsable e orientado ao interese xeral”.
Outras medidas
O acceso a materias primas críticas, así como a dispoñibilidade de enerxía e de solo industrial son os tres elementos clave da política industrial do Goberno galego, asegurou. Neste sentido, na súa intervención apuntou que a Xunta xa está a traballar na elaboración do novo Plan Sectorial Eólico; concretamente, no mapa de afeccións e outro de recurso eólico. Ademais, volveu reclamar ao Goberno central que cambie a lexislación do sector, que modifique os procesos de desenvolvemento da rede e que aumente o investimento en Galicia.
Tamén se referiu ao labor de Recursos de Galicia e á recente adquisición do parque eólico Mondigo, nos concellos Ribadeo, Trabada e Barreiros, que permitirá aos veciños da contorna reducir nun 80 por cento o seu consumo eléctrico. E, no tocante ao solo industrial, destacou que de aquí a 2030, a Xunta vai actuar sobre preto de 12 millóns de metros cadrados de superficie en toda Galicia, cun investimento de máis de 44 millóns de euros.