A Xunta felicita ao CiQUS por obter o prestixioso selo María de Maeztu, un novo fito da I+G+i galega

Trátase dun centro da Universidade de Santiago, ao que a Xunta de Galicia leva destinado 12 M€ como integrante da Rede CIGUS para promover a excelencia científica

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2026

A Xunta de Galicia felicita ao Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) que acaba de lograr a distinción María de Maeztu, unha das máis prestixiosas no ámbito da ciencia. Este selo é unha mostra da importancia e a proxección do traballo que se leva a cabo neste centro da Universidade de Santiago de Compostela, que forma parte da Rede CIGUS, coa que a Xunta de Galicia impulsa a excelencia dos centros galegos de investigación. Permitirá, ademais, unha captación extraordinaria de 3 millóns de fondos adicionais.

O CIQUS, ao que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destina máis de 12 millóns de euros, é un centro de investigación que se posicionou nos últimos dez anos como referente en retos clave nos campos da saúde, a biomedicina e a sustentabilidade. Este recoñecemento constitúe un novo fito da I+G+i, a ciencia e a innovación feitas na Galicia Calidade. Neste senso, o CiQUS conta con 13 científicos beneficiarios das axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC), dos que nove son investigadores Oportunius do Goberno autonómico, o que a sitúa como a entidade líder dentro deste programa.

Esta é a terceira distinción como Unidade de Excelencia María de Maeztu que obteñen centros de investigación de Galicia, segundo a resolución provisional publicada hoxe da convocatoria do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. O primeiro en recibir este selo foi o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), seguido do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/05/2026