A Xunta adxudica por máis de 200.000 euros as obras de mellora da seguridade viaria na intersección da estrada autonómica PO-255 en Covelo

Actuarase na intersección en "T" entre esta estrada autonómica e a estrada provincial EP-5104, dando maior visibilidade ao vehículos nos xiros á esquerda, reforzando a seguridade viaria e facendo máis cómoda a circulación

Ademais, inclúese o reforzo do firme dun treito desta estrada autonómica

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2026

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, adxudicou por 202.850,87€ a execución das obras para a mellora da seguridade viaria na intersección do punto quilométrico 31+540 da estrada PO-255, no concello de Covelo.

A través deste contrato, adxudicado á empresa Construcciones Fechi, S.L.U. , trátase de actuar na intersección en "T" entre esta vía autonómica e a estrada provincial EP-5104, dando maior visibilidade ao vehículos nos xiros á esquerda, reforzando a seguridade viaria e facendo máis cómoda a circulación. Tamén se inclúe o reforzo do firme dun treito da  PO-255.

En concreto, entre as obras que se executarán baixo este contrato está a ampliación nesta contorna da plataforma da PO-255. Resólvese así a intersección cun xiro á esquerda, pero ampliando a plataforma para engadir un carril central de espera. Ademais, no quilómetro 0+050 da PO-255 prevese habilitar unha “bágoa” que permita o cambio de sentido aos vehículos que veñen de ambas as estradas en sentido decrecente.

Na intervención a levar a cabo inclúese, ademais, a execución dun carril de espera entre os puntos quilométricos 0+080 e 0+095, que dá acceso a un ramal directo de nova execución cara á EP-5104. No espazo morto executarase un illote.

O único movemento non contemplado no proxecto de trazado, tampouco permitido na actualidade, é o cambio de sentido na PO-255, en sentido de avance.

O departamento que dirixe M. Allegue continúa mellorando a rede viaria autonómica para reforzar a seguridade viaria e a comodidade dos usuarios, así como para impulsar unha mobilidade máis segura e sostible.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/05/2026