O delegado territorial supervisa o remate das obras de conservación da senda peonil na estrada OU-402 en San Bieito de Rabiño, no Concello de Cortegada
Manuel Pardo explicou que esta actuación, que contou cun investimento autonómico de máis de 30.000 euros, consistiu na construción dunha gabia en formigón lixeiramente armada sobre unha superficie de 235 metros lineais e de 2,10 metros de ancho, entre os puntos quilométricos 41+375 e o 41+610
O delegado territorial lembrou que no ano 2023, entre os puntos quilométricos 41+610 e o 41+835, mellorouse a drenaxe lonxitudinal eliminándose unha cuneta profunda e optimizouse a accesibilidade e o tránsito peonil do treito da marxe esquerda da OU-402, grazas a unha achega da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de máis de 48.000 euros
Esta intervención está enmarcada no Plan de Sendas da Xunta, co que a Administración autonómica leva planificados e executados xa 300 km de itinerarios peonís e ciclistas no marco do seu compromiso coa mobilidade sostible e segura
Ourense, 08 de maio de 2026
O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Cortegada para, acompañado do seu alcalde, Avelino de Francisco, supervisar esta mañá os traballos de conservación que a Xunta acometeu na senda peonil na estrada autonómica OU-402, en San Bieito de Rabiño, que contou cun investimento autonómico de máis de 30.000 euros.
O delegado territorial explicou que os traballos, que desenvolvéronse entre os puntos quilométricos 41+375 e o 41+610, consistiron na construción dunha gabia en formigón lixeiramente armada sobre unha superficie de 235 metros lineais e de 2,10 metros de ancho. Deste xeito, para levala a cabo realizouse un corte lonxitudinal ao longo da zona de actuación para posteriormente proceder á escavación do sobreancho preciso para a execución da senda en formigón proxectada.
Durante a visita, Manuel Pardo lembrou que nesta senda levouse a cabo outra actuación no ano 2023 grazas a unha achega da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de máis de 48.000 euros, que consistiu na mellora da drenaxe lonxitudinal, eliminándose unha cuneta profunda e optimizouse a accesibilidade e o tránsito peonil do treito da marxe esquerda da OU-402, entre os puntos quilométricos 41+610 e o 41+835, conectando coa drenaxe existente nos extremos da actuación e coa beirarrúa actual no quilómetro 41+835.
Nesta liña, indicou que a nova senda-cuneta executouse coa tipoloxía de cuneta tendida transitable, adosada á calzada da estrada, cun ancho variable de 2,00 metros como máximo, segundo a dispoñibilidade de espazo. A senda de formigón conta cun espesor de 12 centímetros armado con mallazo nos treitos onde coinciden con accesos ou na curva do quilómetro 41+660, para resistir o paso de vehículos eventuais. Tamén se dispuxo de elementos para a drenaxe de pluviais: tubaxes e sumidoiros.
Plan de Sendas da Xunta
Manuel Pardo destacou que estas actuacións enmárcanse no Plan de Sendas da Xunta, co que a Administración autonómica leva planificados e executados xa 300 km de itinerarios peonís e ciclistas no marco do seu compromiso coa mobilidade sostible e segura, co fin de que as persoas poidan desprazarse polas estradas de forma segura e saudable.
Deste xeito, o delegado territorial salientou que a Administración autonómica está a ampliar esta rede de sendas nos concellos co máximo respecto á contorna, coidando a integración paisaxística, e lembrou que os Orzamentos da Xunta para 2026 contemplan 263 M€ para seguir avanzando en infraestruturas, coa posta en marcha de novas sendas, a aposta pola conservación nos viarios autonómicos cun investimento récord de 71,6 M€ e sumando novos quilómetros nas estradas de altas prestacións.