Martina Aneiros destaca o valor do deporte durante a presentación das finais femininas do campionato galego de fútbol sala

Ferrol, 8 de maio de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación das finais femininas do Campionato Galego de Fútbol Sala, unha cita que converterá a cidade departamental no epicentro do fútbol sala feminino galego, reunindo a 10 equipos de cinco categorías chegados de distintos puntos da comunidade.

Durante a súa intervención, a representante do Goberno galego destacou que estas finais son “o reflexo da referencia no fútbol sala feminino que é hoxe Galicia”, grazas á tradición deportiva da comunidade e ao incremento da participación feminina neste deporte. Ademais, puxo en valor que Ferrol fose a sede escollida para acoller esta competición, salientando a súa forte vinculación co deporte base, a capacidade organizativa da cidade e a implicación da afección local.

Aneiros reafirmou tamén o compromiso da Xunta co deporte galego e, especialmente, co deporte feminino e de base, incidindo na importancia da actividade deportiva para fomentar hábitos de vida saudables, transmitir valores e avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria. Así mesmo, agradeceu o traballo da Federación Galega de Fútbol, dos clubs, das persoas voluntarias e das xogadoras, ás que definiu como “un exemplo de esforzo, disciplina e compromiso”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/05/2026