A Xunta volve situar A Coruña no mapa dos grandes eventos musicais do verán co apoio ao Festival Noroeste Estrella Galicia dos Concertos do Xacobeo

O director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, participou hoxe na presentación dos primeiros nomes do festival coruñés, que celebrará a súa 39ª edición do 5 ao 8 de agosto na Praia de Riazor, a Praza de María Pita e outras localizacións da Coruña

No cartel do Festival Noroeste Estrella Galicia, co impulso dos Concertos do Xacobeo, inclúense destacadas figuras como Echo & The Bunnymen, Bongeziwe Mabandla, Dorian, Bala, Sés ou Catuxa Salom, entre moitas outras

Os Concertos do Xacobeo regresan en 2026 consolidándose como un atractivo turístico e un motor socio-económico indiscutible da oferta turística da comunidade

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2026

A Xunta de Galicia apoiará un ano máis a celebración do Festival Noroeste Estrella Galicia da Coruña, no marco do programa Concertos do Xacobeo. Así o confirmou esta mañá o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, que participou no acto de presentación dos primeiros nomes do  evento, xunto á alcaldesa da Coruña, Inés Rey.

Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia, Xosé  Merelles destacou que “a continua evolución do Festival Noroeste que demostra a súa madurez e a súa capacidade para atraer milleiros de persoas, xerando un impacto moi positivo tanto no ámbito turístico como nos eidos cultural, económico e social, valores que a Xunta de Galicia comparte cos organizadores do evento”.

Neste sentido, reiterou que “citas como o Festival Noroeste confirman que Galicia, co impulso dos Concertos do Xacobeo, conta cunha programación musical competitiva, atractiva e aliñada coas tendencias actuais, capaz de posicionarse no calendario nacional de festivais na época estival·. “Desde a Xunta de Galicia, a través de Concertos do Xacobeo, seguimos apostando por achegar a mellor música en directo á cidadanía, con propostas que combinan grandes nomes do panorama estatal e internacional co impulso ao talento galego, xerando experiencias culturais de calidade e alto valor engadido para os públicos máis diversos”, afirmou.

Finalmente, Xosé Merelles destacou que “o Festival Noroeste representa, ademais, un modelo de colaboración institucional eficaz, no que a suma de esforzos permite consolidar proxectos que xeran un retorno real en termos de emprego, actividade económica e proxección exterior de Galicia".

Entre as primeiras confirmacións do Festival Noroeste Estrella Galicia, que celebrará a súa 39ª edición do 5 ao 8 de agosto en diferentes localizacións da Coruña, da Praia de Riazor ao Castelo de Santo Antón, entre outras, destacan referentes internacionais dos seus xéneros musicais, como Echo & The Bunnymen, unha das formacións británicas máis influíntes do rock alternativo; Bongeziwe Mabandla, referente da música africana; ou Mari Froes, popular cantante brasileira que combina folk, pop e electrónica.

O rock está moi presente nesta primeira quenda de confirmacións, con bandas internacionais como Frankie and the Witch Fingers e galegas como Bala, Agoraphobia, Ruxe Ruxe ou Greasy Belly. A música en galego seguirá a ter unha importante presenza no cartel, con referentes como SES ou Catuxa Salom. Completan este primeiro anuncio Ana Lúa Caiano, Anna Andreu, Dorian, Fantastic Negrito, La Perra Blanco, MFC Chicken, Moura e Pamela Rodríguez. Proximamente anunciarase o cartel completo, con todas as actuacións musicais que conformarán o festival.

Durante catro xornadas, numerosas bandas e artistas internacionais, estatais e galegos actuarán en espazos singulares da cidade. Trátase do evento máis importante a nivel estatal das súas características, un dos máis importantes a nivel europeo e é un absoluto referente da música ao vivo a nivel galego.

Os Concertos do Xacobeo, un mapa sonoro diverso e plural

Entre os eventos máis destacados da edición 2026 figuran festivais de proxección internacional como O Son do Camiño, Resurrection Fest, PortAmérica, o Festival do Mundo Celta de Ortigueira, Bigsound Pontevedra ou o Gozo Festival. Xunto a eles, tamén medran e se consolidaron propostas máis próximas e alternativas como Our Fest, Noites do Porto, SilFest, Orballo Cultural, Costa Feira, Galicia Fest, Jaleo! ou Ou Yeah!

Moitos dos eventos incluídos no programa son xa en citas imprescindibles do calendario musical galego. Este ano actuarán en Galicia da man dos Concertos do Xacobeo destacadas figuras internacionais, nacionais e galegas como Tom Jones, Katy Perry, Iron Maiden, Leiva, Europe, Zahara, Maroon 5, Xoel López, Garbage, Amaia, Baiuca, Carlos Ares, Franz Ferdinand, Bala, Dani Martín, Sen Senra, Nathy Peluso, Mike Towers e ata 800 bandas e artistas e todos os xéneros e estilos.

 O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/05/2026